viernes, 17 de enero de 2014

Faro da cultura. Doris Lessing e os angry young men

Cando en setembro de 2007 a Academia Sueca outorgou o Premio Nobel de Literatura á escritora británica nacida en Irán Doris Lessing, os medios de comunicación gráficos e audiovisuais trasladáronse, para ilustrar a nova anunciada desde Estocolmo de medio mundo, ao domicilio da galardoada e alí atopáronse  coa imaxe dunha anciá —daquela contaba oitenta e sete anos—sentada nas escaleiras da súa casa ataviada cunha naturalidade pouco afín ás excelencias do galardón, referendada pola vestimenta propia dunha afectiva avoa que semellaba ser sorprendida mentres desempeñaba o seu quefacer doméstico. A pouco que un procedese a interrogar a imaxe pronto chegaría a conclusión de que aquela muller de pelo cano e descoidado vivía nas marxes da sociedade actual, como se pretendese tomar distancia sobre ela e acadar así unha perspectiva máis esclarecedora do que estaba a acontecer no mundo. A lectura da súa obra literaria pode ser, nos tempos presentes, unha das experiencias máis arrebatadoras á que pode enfrontarse unha persoa que busque unha visión contestaría do estado das cousas un faro no medio da escuridade que, no pasado mes de novembro, apagouse para sempre, engrosando o desmedido parte necrolóxico do ano 2013. Feminista, pacifista, anticolonialista e, nalgunhas fases da súa vida, comunista, Doris Lessing formou parte dos Angry Young Men (xoves airados) unha das correntes máis combativas no mundo intelectual do Reino Unido que abrangueu diversas disciplinas artísticas, a máis refulxente a cinematográfica, arredor do Free Cinema.