Se tiveramos
que achegarnos a unha definición máis ou menos precisa de mitoloxía, poderiamos
referirnos a ela como un conxunto de relatos que expresan e simbolizan
determinados aspectos da existencia humana, de tal xeito que as persoas buscamos
o apoio destas narracións para indagar sobre a orixe do universo, sobre a vida
e sobre a morte. En definitiva, os mitos son unha especie de faro que alumea
parte dos misterios máis escuros do universo.
Escultura, literatura, teatro e pintura atoparon na variedade temática e
iconográfica da mitolóxica unha fonte inesgotable de materia prima que permitía
unha reinterpretación renovada en función do período histórico, do movemento
artístico ou da intencionalidade do autor. Se atendemos a un pintor como
Velázquez, comprobaremos a forza plástica e expresiva destes relatos. As
pintura do artista sevillano reflicten esa dualidade mítica-terrenal que posúe
a mitoloxía, posto que esta acada a súa razón de ser cando permite explicar
situacións reais. Moitos dos seus cadros máis famosos convocan nun mesmo
escenario o mito e a realidade, tal e como acontece en Os borrachos, A fragua de Vulcano ou As fiadeiras.