martes, 16 de abril de 2013

Faro da cultura. Best seller no cine


Aínda que asumamos a dificultade que supón dar cunha definición precisa e académica do anglicismo best seller, calquera de nós podemos facer un exercicio de simplificación que nos permita enumerar unha serie de características que, ineludiblemente, conflúan cara un concepto semántico que ven explícito na etiqueta terminolóxica orixinal: vender (literalmente, best seller significa “o mellor vendido”). Dado que estamos ante un termo de índole comercial, este tipo de obras poden ser entendidas como novelas, usualmente de aventuras, acción, intriga ou suspense, que acadan un elevado éxito de ventas a nivel nacional e internacional. Na creación dos best sellers combínanse certas formas narrativas con grandes campañas publicitarias das editoriais. Convértese, deste xeito, a obra literaria nun obxecto mercantil apegado a unha sistema de produción en cadea propio do capitalismo que permite crear pezas a partires dun patrón que xa con anterioridade orixinou uns beneficios, de aí que o escritor repita constantemente as estruturas que lle depararon a súa popularidade actual, é dicir, usará os mesmos ingredientes que lle facilitaron o seu éxito. Porén, estaremos da cordo en recoñecer que no mercado literario, así como tamén no cinematográfico, a priori non existe o éxito garantido, por moito que teoricamente poidan confluír os mesmos ingredientes que deron pé a un éxito rotundo de ventas.

miércoles, 3 de abril de 2013

Os clásicos no cine


O catedrático José Antonio Pérez Bowie definiu os “clásicos literarios” como aquelas obras que resaltan pola súa capacidade para servir como modelo para novas creacións e pola súa dispoñibilidade para ser obxecto de sucesivas interpretacións, as cales promoven achegamentos que activen o seu potencial significativo latente. Por tanto, segundo esta definición, cada lector aborda un texto clásico dun xeito persoal, debido a que proxecta sobre el ás súas propias vivencias e a súa particular circunstancia. Toda adaptación cinematográfica supón trasladar unha obra dun modo de expresión a outro, entón, pretender unha equivalencia de significados pese a diferencia de significacións acabará normalmente nun proceso insatisfactorio.