O catedrático José Antonio Pérez
Bowie definiu os “clásicos literarios” como aquelas obras que resaltan pola súa
capacidade para servir como modelo para novas creacións e pola súa dispoñibilidade
para ser obxecto de sucesivas interpretacións, as cales promoven achegamentos
que activen o seu potencial significativo latente. Por tanto, segundo esta
definición, cada lector aborda un texto clásico dun xeito persoal, debido a que
proxecta sobre el ás súas propias vivencias e a súa particular circunstancia.
Toda adaptación cinematográfica supón trasladar unha obra dun modo de expresión
a outro, entón, pretender unha equivalencia de significados pese a diferencia
de significacións acabará normalmente nun proceso insatisfactorio.
Se un
cineasta segue a historia da obra literaria paso a paso, acabará por filmar
algo semellante a un simple álbum de imaxes, xa que a película non será outra
cousa máis que un vehículo. Pero se, en cambio, despreocúpase de permanecer
fiel ao autor, poderá centrarse integramente no tema da obra para darlle un
desenvolvemento distinto e outro sentido; realízase así unha obra persoal a
partir da do autor, que serve de inspiración, pero que xa non ten dereito a
prevalecer. Cando unha obra fílmica é posta en forma sen pretensións de
literalidade e se converte nun vehículo para expresar reflexións e sentimentos
suscitados polo texto, por norma xeral o resultado acaba sendo moito máis
satisfactorio.
Baixo
estes parámetros atopámonos, por exemplo, coa versión que Walter G. Pabst levou
a cabo no ano 1934 de Don Quijote de la Mancha, na que optou
pola ruptura da trama orixinal para reelaborala e verter nela á súa estética
transgresora. Sen embargo, Rafael Gil, na súa adaptación da obra de Cervantes,
optou por unha visión moito máis apegada á letra do texto que supuxo unha
pesada carga que menoscabou o resultado final.
Anna Karenina é, probablemente, a obra
senlleira do escritor ruso Lev Tolstói. A recente versión de Joe Wright supón o
enésimo achegamento cinematográfico á trama dunha dama da alta sociedade rusa,
casada cun importante funcionario, que acude á chamada do seu irmán para
axudarlle a facer as paces coa súa esposa e evitar á ruptura do seu matrimonio;
pero unha vez en Moscova, Anna coñece ao conde de Wronsky, con quen iniciará un
idilio amoroso. Trátase dunha novela moi extensa, con máis de mil páxinas, o
que impide unha transposición fílmica baseada na literalidade. No ano 1948,
Alexander Korda produciu unha adaptación da obra de Tolstói baixo a dirección
de Julien Duvivier, e que contou coa actriz Vivien Leigh no papel protagonista.
Esta longametraxe permítenos votar man dun exemplo de reelaboración argumental
da obra literaria, pero sen perder de vista o tema central. Referímonos á
secuencia do baile que se celebra coa presenza dos personaxes principais. Este
tipo de eventos eran os centros neurálxicos da vida social da clase alta na
Rusia do século XIX. A idea do director, Julien Duvivier, consiste en condensar
nun espazo de tempo moi reducido á esencia de toda a obra. Así, cando a música
anima aos convidados a bailar nunha danza colectiva na que a coreografía
promove continuos cambios de parella, os distintos personaxes expresan
distintas inquietudes, confesións, galanteos, peticións, amoríos, etc., segundo
sexa o seu compañeiro de baile. Prodúcese, entón, por mor do baile, un continuo
encontro e desencontro de personaxes, o que a fin de contas ven a ser Anna Karenina: unha historia de
encontros e desencontros. Grazas á introdución desta secuencia, a versión
fílmica aborda de forma precisa o núcleo da novela, variando un chisco o
argumento, pero para esclarecer o compromiso co tema central.

No hay comentarios:
Publicar un comentario