viernes, 14 de octubre de 2016

Dan Brown no cine

Cando unha produtora merca os dereitos de autor dunha novela que no seu día acadou unhas substanciais cifras de ventas nas librerías, en primeiro lugar está a mercar tamén a curiosidade de centos de miles de lectores que ansían ver en imaxes o que antes ollaron en papel, e, en segundo lugar, adquire tamén unha importante campaña publicitaria a custo cero, iniciada no mesmo momento que o libro comeza a ser un fenómeno editorial e que se prolonga, sen paréntese, ata a estrea cinematográfica, razón pola cal é imprescindible que a realización da versión fílmica se leve a cabo nun período de tempo breve desde á publicación da novela, para enlazar así a estela do éxito literario co lanzamento da adaptación fílmica. Por este motivo, autores como Tom Clancy,  Stephen King, John Grisham ou Dan Brown asinan a cesión dos dereitos para unha futura adaptación case ao tempo que escriben o último parágrafo da súa obra, construídas baixo os parámetros narrativos do guión cinematográfico clásico para facilitar así á súa translación ao cine ou á televisión.