lunes, 23 de diciembre de 2013

CINE E LITERATURA

O cine naceu como atracción de feira, e con ese estigma tivo que convivir nos primeiros anos de existencia, soportando comparacións, moitas veces vexatorias, respecto doutras artes máis “cultas” como eran o teatro e a literatura. Certo escritor español, de prestixio estimado, chegou a afirmar nunha ocasión que aos literatos, por adaptar algunha das súas novelas, non se lles paga dereitos de autor, senón que, en realidade, se lles pega unha indemnización por danos e perxuízos ocasionados na obra orixinal. O primeiro intento por enaltecer a imaxe do cinematógrafo levou a sinatura dos irmáns Lafitte, banqueiros franceses que fundaron no ano 1908 a produtora Film d’Art, concibida para atraer ao cine a escritores famosos que adaptasen á pantalla argumentos de grandes literatos: Shakespeare, Homero, Zola, Goethe e Molière. O experimento quedou afinado a episodios marxinais nos libros de historia do cine, como exemplo dunha vaidade elitista que non aportou nada á linguaxe cinematográfica. Mentres, no outro lado do Atlántico, David Wark Griffith rastreaba na obra de Dickens para adaptar, non argumentos, senón formas narrativas que liberasen ao cine do inmobilismo espazo-temporal do teatro.

lunes, 16 de diciembre de 2013

EXODUS

Nos anos cincuenta, Hollywood padeceu a súa primeira crise. A aparición da televisión como sistema de entretemento sacudiu os alicerces dunha industria que, ate ese momento, escribira a súa curta historia con letras douradas. Para deter a constante perda de espectadores que estaban a sufrir as salas cinematográficas houbo dúas estratexias. As pequenas produtoras optaron por aliarse co inimigo  levando á gran pantalla algúns dos éxitos televisivos do momento. Xurde a xeración da televisión formada por directores como Delbert Mann, Martin Ritt, John Frankenheimer e Sidney Lumet cuxo Doce homes sen piedade exemplifica o achegamento do cine a unha estética próxima á televisiva. Por outra banda, a resposta das Majors foi moito menos amigable, e apostaron polo cine en relevo, as macropantallas, os formatos panorámicos, os drive-in (cines aparcadoiros) e, sobre todo, as grandes superproducións, emulando os fastos do cine italiano da década dos dez, que por aqueles anos xa se atreveu con versións mudas de Espartaco, Quo Vadis, Cleopatra. O reclamo consistía en facer para o cine un produto que non podía ofertar a televisión, é dicir, o xigantismo espectacular, planos en scope repletos de personaxes e unha enfática variedade cromática.