Nos anos
cincuenta, Hollywood padeceu a súa primeira crise. A aparición da televisión
como sistema de entretemento sacudiu os alicerces dunha industria que, ate ese
momento, escribira a súa curta historia con letras douradas. Para deter a
constante perda de espectadores que estaban a sufrir as salas cinematográficas
houbo dúas estratexias. As pequenas produtoras optaron por aliarse co
inimigo levando á gran pantalla algúns
dos éxitos televisivos do momento. Xurde a xeración da televisión formada por
directores como Delbert Mann, Martin Ritt, John Frankenheimer e Sidney Lumet
cuxo Doce homes sen piedade exemplifica
o achegamento do cine a unha estética próxima á televisiva. Por outra banda, a
resposta das Majors foi moito menos amigable, e apostaron polo cine en relevo,
as macropantallas, os formatos panorámicos, os drive-in (cines aparcadoiros) e, sobre todo, as grandes
superproducións, emulando os fastos do cine italiano da década dos dez, que por
aqueles anos xa se atreveu con versións mudas de Espartaco, Quo Vadis, Cleopatra. O reclamo consistía en facer para
o cine un produto que non podía ofertar a televisión, é dicir, o xigantismo
espectacular, planos en scope repletos
de personaxes e unha enfática variedade cromática.
Entre
as películas icona daquela etapa atopamos Os
dez mandamentos (1956), a derradeira película filmada por Cecil B. de
Mille, autor tamén dunha primeira versión muda da historia de Moisés no ano 1923. De Mille experimentou
no período mudo as posibilidades do cine de reminiscencias bíblicas. O
coñecemento da historia que posuía un espectador occidental, sexa ou non sexa
crente, permitíalle establecer unha concatenación de secuencias, establecendo
un sentido narrativo que non tería un espectador sen coñecementos básicos da
relixión cristiá, como sucede nos cadros ou baixorrelevos das paredes dunha
igrexa que, seguindo unha orde ineludible, escenifican as distintas pasaxes da
Paixón. Ademais de Os dez mandamentos, Cecil
B de Mille tamén profundou na historia de Xesucristo con The King os the kings no 1927.
O
libro do Éxodo é o segundo do Antigo
Testamento que narra a saída dos fillos de Israel de Exipto. Segundo as
escrituras cristiás, da comezo co nacemento de Moisés que é educado na corte do
Faraón e remata coa erección do Tabernáculo, un santuario móbil construído
polos israelitas a partires das instrucións dadas por Deus a Moisés no monte
Sinaí. Porén, as dúas versións cinematográficas de De Mille —así como a versión
animada de Dreamworks, O príncipe de
Exipto— eluden unha parte do relato bíblico máis que polémico, que
corresponde co capítulo XXXII, no que se conta o castigo que Deus ordena a
Moisés inflixir ao pobo de Israel por construír un becerro de ouro. Mandou ao
profeta recrutar a todos os fillos de Leví para pasar e traspasar por medio do
campamento desde unha a outra porta, para que cada un matase aínda que fora un
irmá, amigo ou veciño; pereceron aquel día como uns vinte e trinta mil homes.
Descoñécese
cal será a formulación de Ridley Scott para trasladar ao cine o texto desta
pasaxe bíblica, dada a discreción coa que se está a levar a rodaxe. O director
británico, cunha carreira moi irregular sobre todo nos últimos tempos, volve a emprender
unha nova superprodución histórica cuns ingredientes moi semellantes aos
empregados en longametraxes como Gladiator
(2000), ou O reino dos ceos (2005),
nas que facía uso do que o teórico Sigfried Kracauer chamou o “ornamento da
masa” para fascinar a mirada do
espectador. Semella que a Biblia volve a ser reclamo para Hollywood, posto que
este ano que entra será tamén o da estrea de Noé, personaxe encarnado por Russel Crowe baixo a dirección de
Darren Aronofsky.

No hay comentarios:
Publicar un comentario