Segundo os parámetros da
narratoloxía, o autor implícito é a instancia que non utiliza ningún medio de
comunicación directo para achegarse ao lector, no caso da literatura, ou ao
espectador, no caso do cine, senón que instrúe en silencio, a través do deseño
xeral da obra, con todas as voces e por todos os medios escollidos. A súa
identificación require un coidado e atenta lectura, moitas veces mal
interpretada por un deficiente análise ou por unha mirada cargada de prexuízos.
Na ambigüidade do autor implícito reside moitas veces o efecto poético do
relato fílmico, porén, esta ambigüidade pode ser interpretada en certos casos
como unha traizón. Basta que unha película española aborde o tema do terrorismo
de ETA para que xurdan incontables cazadores de autores implícitos na busca da
mínima fenda de ambigüidade que será, para as partes máis extremas, a proba da
súa obscenidade. Non estaría de máis recordar que a ambigüidade nunha obra de
arte é un agasallo que o autor ofrece ao espectador.
No
ano 2008, Jaime Rosales rodaba Tiro en la
cabeza, unha excelente fita onde un home aparentemente normal mataba a
tiros a dous policías franceses. Sen diálogos e rodada cun obxectivo tele, o
director ofrecía un anaco da realidade en bruto, con fin de manter a distancia
propicia para a libre interpretación do público. Unha pequena obra de arte cuxo
valor crecerá co tempo.
