Tanto Stanley
Kubrick en 2001: unha odisea no espazo (1968),
como Robert Zemeckis en Regreso ao futuro
(1985) —ambientada no presente ano 2015— sobreestimaron a capacidade
evolutiva do ser humano ao retratar uns universos que, polo de agora, aínda non
se fixeron presentes. O mesmo acontece con Blade
Runner (1982), situada nun futuro xa demasiado próximo, 2019, como para que
a cidade de Los Angeles acabe por
mimetizarse coa recreación que se fai na película de Ridley Scott.
Pero antes de
que ambas cordeadas temporais —as da ficción e as do tempo real— coincidan,
está previsto unha secuela que, a un ano da súa estrea, ten confirmada a
participación de Harrison Ford no personaxe de Rick Deckard. As miradas dos
críticos xa están afiadas, serán implacables na súas reprobacións se perciben calquera
desviación que poida enfarnar o fulgor do filme orixinal. De momento, so
Francis Ford Coppola pode afanarse de ter derrotada a sentenza “as segundas
partes nunca foron boas”.
Blade Runner ostenta o tan meritorio
como manido cartel de película de culto,
concepto de laboriosa concreción que, co paso dos anos, converteuse case nun
epíteto inseparable. Escrita o mesmo ano da estrea do citado filme de Kubrick,
en pleno auxe da carreira espacial, Philip K. Dick publicaba unha novela de
título extravagante: “Soñan os androides con ovellas eléctricas?”, a súa obra
máis aclamada, sobre todo, por efecto da transposición fílmica levada a cabo
por Ridley Scott. Non sería a única historia do escritor estadounidense adaptada
ao cine; anos despois, películas como Desafío
total (Paul Verhoeven, 1990), Asasinos
cibernéticos (Christian Duguay, 1995) ou Minority Report (Steven Spielberg, 2002) levarían á gran pantalla a
visión futurista do escritor estadounidense.
A pesares do recoñecemento
actual, a estrea de Blade Runner non
viu seguida de críticas laudatorias nas revistas especializadas nin dun masivo
éxito de taquilla, sobre todo se a comparamos con E.T. o extraterrestre (Steven Spielberg, 1982), estreada semanas
antes. Pero poucas longametraxes poden presumir de ter unha segunda
oportunidade e, ademais, de aproveitala de xeito tan satisfactorio como da que
estamos a falar. No ano 1990, Rob Bartha, o director do Los Angeles Faifax Theatre solicitou á Warner Brothers unha copia de 70 mm. de Blade Runner para proxectala no seu Festival de Primavera. Por
casualidade, a copia que se enviou non tiña a voz off nin o final feliz que puideron ver todos os espectadores do
mundo oito anos antes. Tratábase da copia exhibida na preestrea de Denver, que
non gustou ao público asistente, polo que foi sometida a cambio por parte dos
produtores. Semanas despois da segunda estrea, Blade Runner situouse entre as quince películas máis taquilleras e
decidiuse, entón, exhibirse tamén en Europa, Australia e Xapón. Daquela, a
crítica, como se intentase expiar a súa dureza de antano, virou cara unha
valoración moito máis positiva que segue a crecer co paso dos anos.
Na retina dos
espectadores de Blade Runner quedará
para sempre o aspecto visual, sobre todo a recreación espacial da cidade do
futuro que semella unha reactualización da Metropolis
de Fritz Lang, con ascendentes renovados como os gravados decimonónicos de
William Hogarth, as fotografías dos anos trinta dos mercados de East Side de
New York e os cómics de Jean Giraud. En definitiva, unha urbe asfixiante,
chuviosa e nocturna, ateigada de representacións virtuais e sons atonais, a
escenificación perfecta para amosar o proceso da raza humana cara a
deshumanización, un proceso que se recalca por mor do percorrido contrario que
queren emprender os replicantes,
máquinas que arelan o roce dunha mágoa polas súas meixelas.