viernes, 12 de diciembre de 2014

SEMPRE XONXA



Fai algún anos, a consecuencia dunha polémica xurdida en torno ao filme Los otros (Alejandro Amenábar, 2001), o seu produtor, José Luis Cuerda, saía ao paso sobre as manifestacións que poñían en dúbida a nacionalidade española dunha película rodada en inglés por actores non nacionais referíndose a que o ministerio de Hacienda do Goberno de España, por mor dos ingresos percibidos vía impostos por esta produción, ben podía certificar a súa nacionalidade; a resposta agocha a trampa de establecer o cuño identitario por medio dun fundamento burocrático, sen ter en conta que as películas, dalgún xeito, tamén poden ter alma. Moitos son os cineastas que negan unha determinada nacionalidade ás longametraxes, pero é ben certo que, facendo uso da metáfora ideada por André Bazin segundo a cal o cine é unha ventá aberta ao mundo, non nos atoparemos a mesma paisaxe se ollamos desde unha ventá dun rañaceos de Manhattan, que se o facemos desde a palloza dunha aldea de Forcarei, obviamente, os materiais serán distintos e, en consecuencia, o resultado moi diferente.