Fai
algún anos, a consecuencia dunha polémica xurdida en torno ao filme Los otros (Alejandro Amenábar, 2001), o
seu produtor, José Luis Cuerda, saía ao paso sobre as manifestacións que poñían
en dúbida a nacionalidade española dunha película rodada en inglés por actores
non nacionais referíndose a que o ministerio de Hacienda do Goberno de España,
por mor dos ingresos percibidos vía impostos por esta produción, ben podía
certificar a súa nacionalidade; a resposta agocha a trampa de establecer o cuño
identitario por medio dun fundamento burocrático, sen ter en conta que as
películas, dalgún xeito, tamén poden ter alma. Moitos son os cineastas que
negan unha determinada nacionalidade ás longametraxes, pero é ben certo que,
facendo uso da metáfora ideada por André Bazin segundo a cal o cine é unha
ventá aberta ao mundo, non nos atoparemos a mesma paisaxe se ollamos desde unha
ventá dun rañaceos de Manhattan, que se o facemos desde a palloza dunha aldea
de Forcarei, obviamente, os materiais serán distintos e, en consecuencia, o
resultado moi diferente.
Sempre Xonxa é
unha película galega, non porque estivera subvencionada pola Consellería de
Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, nin sequera por estar falado en galego,
senón porque desprende un cheiro a caldo preparado a lume pausado con produtos
exclusivamente da horta galega, é dicir, os materias que conforman o filme
proceden do ecosistema social da Galicia rural. O seu director e guionista,
Chano Piñeiro, procura harmonizar no relato toda unha serie de tramas e
subtramas rescatadas da tradición literaria, pictórica, fotográfica, lendaria e
da crónica rural transmitida entre xeracións ao carón do lume dunha cheminea.
Por momentos, os planos da estación marítima de Vigo ateigada de emigrantes a
punto de embarcar alén do Atlántico recórdanos ás fotografías de Manuel Ferrol,
o regreso de América de O Birutas (Miguel Insua) cun luminoso traxe branco
semella remitir a O pai de Migueliño de
Castelao, o personaxe de Caladiño supón unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro —os
artigos publicados no Faro de Vigo por Piñeiro na sección “Conversas co vento”
teñen un indiscutible influxo cunqueirano. Todo isto, sumado ás historias de
aparicións, a vendima e, sobre todo, a emigración, certifican un ollar
autóctono do tomavistas da longametraxe.
Por
esta razón, Sempre Xonxa é máis unha
película importante que unha boa película. A historia dun triángulo amoroso
nunha remota aldea ao longo de corenta anos, combinado co melodrama, o humor e
a fantasía, logra unha mestura peculiar que, en varios momentos do relato, non
logra suturar de forma fluída todos os seus ingredentes. Porén, o retrato que
fai da emigración pasa por ser dunha veracidade xenuína —xa coa súa anterior curtametraxe,
Mamasunción (1984), Chano Piñeiro
lograra achegar ao público ás rugosidades da emigración—, sobre todo porque
amosa as tres facianas deste fenómeno: o que triunfa fóra, o que retorna cunha
man diante e outra detrás e o que queda na aldea —é curioso comprobar como hoxe
en día os programas televisivos unicamente describen a situación do emigrante
exitoso—, ata o punto que o triángulo amoroso atopa o seu contrapunto neste
outro triángulo da emigración.
Pasarán
os anos e Sempre Xonxa continuará a
ser unha película importante no panorama audiovisual galego, pero non só pola
súa particularidade pioneira, senón tamén pola atención descritiva que amosa
cos pequenos detalles, rozando, nalgunha ocasión, o estilo documental, dos
aspectos do mundo rural, os oficios artesanais, os quefaceres domésticos, en
definitiva, un estilo de vida cotiá en vías de extinción por mor da expansión
da urbe que acabará por converte o filme de Chano Piñeiro nunha peza
etnográfica.

No hay comentarios:
Publicar un comentario