lunes, 6 de octubre de 2014

A mitoloxía no cine

Se tiveramos que achegarnos a unha definición máis ou menos precisa de mitoloxía, poderiamos referirnos a ela como un conxunto de relatos que expresan e simbolizan determinados aspectos da existencia humana, de tal xeito que as persoas buscamos o apoio destas narracións para indagar sobre a orixe do universo, sobre a vida e sobre a morte. En definitiva, os mitos son unha especie de faro que alumea parte dos misterios máis escuros do universo.  Escultura, literatura, teatro e pintura atoparon na variedade temática e iconográfica da mitolóxica unha fonte inesgotable de materia prima que permitía unha reinterpretación renovada en función do período histórico, do movemento artístico ou da intencionalidade do autor. Se atendemos a un pintor como Velázquez, comprobaremos a forza plástica e expresiva destes relatos. As pintura do artista sevillano reflicten esa dualidade mítica-terrenal que posúe a mitoloxía, posto que esta acada a súa razón de ser cando permite explicar situacións reais. Moitos dos seus cadros máis famosos convocan nun mesmo escenario o mito e a realidade, tal e como acontece en Os borrachos, A fragua de Vulcano ou As fiadeiras.

O cine, como arte supremo do século XX, non poder pasar por alto o peso que ten a mitoloxía grega na representación visual dos seus relatos. En canto o invento dos irmáns Lumière comezou a construír historias de ficción, como toda arte narrativa recorreu aos fundamentos que Aristóteles explicou en Poética, segundo a cal a imitación de accións no mundo real, praxis, formaba un argumento, logos, do cal se seleccionaban as unidades que formaban a trama, mythos.
Á hora de crear as súas narracións, o cine adaptou en incontables ocasións as múltiples historias que constitúen a mitoloxía clásica, aínda que sempre desde una perspectiva máis terreal, isto é, prestando máis atención aos aspectos máis apegados ao mundo real, por esta razón, as adaptacións directas afectan a aquelas narracións dos ciclos heroicos, as fábulas dos heroes que o destino impele a superar unha serie de probas e obstáculos para acadar un obxectivo. Sen embargo, alén das adaptacións directas, o cine atopou na mitoloxía unha inspiración de argumentos que permite reactualizar as fábulas e darlle unha forma que encaixe nos tempos presentes. Así, o mito de “Orfeo” latexa baixo Vértigo (Alfred Hitchcock, 1958) ou Abismos de pasión (Luis Buñuel, 1953), “Prometeo” baixo todas as adaptacións de Frankenstein, “Jasón e os argonautas” baixo as múltiples películas de aventuras na que o personaxe, ou grupo de heroes, emprende unha misión na que se atopará con numerosos problemas, a “Odisea” baixo os filmes sobre as pegadas da guerra nos soldados que retornan a casa como The best years of our lives (William Wyler, 1946) ou O cazador (The deer hunter, Michael Cimino, 1978), a Eneida baixo as películas que tratan a busca dunha nova patria, Os dez mandamentos (Cecil B. de Mille, 1956), América, América (Elia Kazan, 1963) ou Érase unha vez América (Sergio Leone, 1984), a “Orestíada” baixo aquelas longametraxes doa vinganza como tema central.



Pero se hai un xénero cinematográfico, autenticamente norteamericano, que constrúe a súa estrutura narrativa a partires da mitoloxía grega ese é sen dúbida o western. Se ollamos os temas expostos de modo abreviado no parágrafo anterior, decontado revélanse no noso recordo decenas de películas que xogan con unha ou varias destas tramas. Se a mitoloxía da forma, de modo inconsciente, a un ideario colectivo que procura unha explicación simbólica dunha nación, non debemos esquecer que o western encerra todos os relatos sobre a configuración de Estados Unidos como nación, cheos de heroes, guerras, conquistas, emigración, terras prometidas, etc.

No hay comentarios:

Publicar un comentario