No mes de
novembro do pasado ano, ao abeiro do XIV Congreso da Asociación Española de
Historiadores do cine celebrado na Universidade do País Vasco, o director
Enrique Urbizu (No habrá paz para los malvados)
compartía unha mesa redonda con Borja Cobeaga —coguionista, xunto con Diego San
José, da exitosa Ocho apellidos vascos—na
que expuxo un interesante concepto do mundo do cine: o efecto persiana. A
grandes trazos esta idea ven a representar, en termos metafóricos, o influxo
que o éxito dun determinado produto exerce sobre futuros proxectos. É dicir, no
caso de que unha película sobre catástrofes naturais acade astronómicas cifras
de recadación, teñan por seguro que a industria cinematográfica levantará de
inmediato a persiana para que propostas similares inundan a pantalla; pola
contra, o fracaso por exemplo dun musical provocará o efecto contrario, e a
persiana pecharase por un tempo para este tipo de filmes. Nos últimos tempos,
poucas películas levantaron a persiana de forma tan xenerosa como a francesa Bienvenue chez les Ch’tis (Bienvenidos al norte en castelán), ata o
punto de orixinar dúas versións italianas, un remake “oficioso” en España —a
citada Ochos apellidos vascos— e a
adquisición dos dereitos da historia por parte de Will Smith para a súa
produción en Estados Unidos. As cifras
de espectadores que manexan as tres películas en cada un dos tres países
europeos nas que foron estreadas (Francia, Italia e España) permiten falar de un
fenómeno sociolóxico sen precedentes.
Esa visión
distanciada dos tópicos xeográficos xa foi plasmada a finais do século XIX por
Mark Twain en The innocents abroad (Guía para viaxeiros inocentes), unha
xoia literaria que recolle as crónicas da viaxe que o escritor estadounidense
fixo por Europa e por Terra Santa, nas que describe as costumes de cada lugar
cun humor corrosivo e paródico. “Viaxar é fatal para os prexuízos” escribe Mark
Twain nas súas crónicas, e diso veñen a falar as películas que nos ocupan.
Alfred Hitchcok
respondeu no seu día a François Truffaut que o pernicioso para éxito dunha historia non consiste en partir
dun tópico, senón chegar a el, e neste caso Ocho
apellidos vascos é o exemplo perfecto sobre a utilización, como punto de
partida, dos tópicos rexionais que desde sempre formaron a materia prima dun
determinado xénero de chistes —“Van dous vascos pola rúa e…”— e sobre os cales
proxéctase unha mirada distanciadora que acaba por provocar a risa. Se
reparamos no humorismo dos monologuistas, o procedemento é moi semellante: captar
a atención sobre situacións reiterativas da vida cotiá e logo tomar distancia
para caricaturizalas. Como dicía Miguel Mihura, o humor pretende que saiamos de
nós mesmos, nos marchemos de puntillas vinte metros e demos unha volta ao noso
arredor contemplándonos por un lado e por outro, por detrás e por diante, como
ante os tres espellos dunha sastrería. Non estamos, nin oito menos, ante un
humor reformista, senón que se trata dun humor popular que rastrea no vulgo, na
rúa, que fai uso de estratexias probadamente satisfactorias no medio televisivo
—ambos guionistas participaron no programa da ETB Vaia semanita— o que garante un público obxectivo moi amplo, pero,
iso si, cun alcance moi local, como proba o gag no que o protagonista enumera
os oito apelidos vascos de personaxes famosos, “Gabilondo, Urdangarín,
Zubizarreta, Arguiñano…”. Esta particularidade é posible grazas a que o efecto
persiana de Bienvenue chez les Ch’tis,
aínda que resulte paradoxal, resulta máis valioso ao non deixar entrar a luz na
súa totalidade debido a opacidade de moitos chistes destinados a un público
francés, e deixa pequenas zonas en sombra que son de difícil solución no
momento da dobraxe, pero en cambio, abre sendas moi interesantes para as novas
versións noutras latitudes.

No hay comentarios:
Publicar un comentario