miércoles, 14 de enero de 2015

FÚTBOL E CINEMA

Se atendemos ao nacemento e á expansión do fútbol, podemos atopar varias similitudes coa industria cinematográfica que, porén, non implican un matrimonio feliz entre ambos espectáculos, máis ben todo o contrario, como  certifica a inexistencia dalgún filme futbolístico que cope as listas das películas máis estimadas da historia do cine. Fútbol e cine non se seducen. Todo isto, a pesares de que ambas representacións contaron co mesmo tipo de público na súa orixe —clase proletaria—, e tamén nos tempos actuais, na que a súa aceptación é transversal a todas as capas sociais. Difundido alén das illas polos mariñeiros británicos, o fútbol foi un espectáculo que enseguida votou fortes raíces entre as clases populares de todo o mundo, agás Estados Unidos, fronte, en cambio, o rugby, máis achegado á burguesía —esta división, disipada hoxe, aínda segue a ser visible en Sudáfrica, antiga colonia inglesa, na que o fútbol é practicado maioritariamente pola poboación negra, mentres que o rugby é o deporte máis prezado pola minoría branca. Nos primeiros anos, o cine tamén padeceu a desconsideración da burguesía, máis apegada ao elitismo da escena teatral.