Se atendemos
ao nacemento e á expansión do fútbol, podemos atopar varias similitudes coa
industria cinematográfica que, porén, non implican un matrimonio feliz entre
ambos espectáculos, máis ben todo o contrario, como certifica a inexistencia dalgún filme
futbolístico que cope as listas das películas máis estimadas da historia do
cine. Fútbol e cine non se seducen. Todo isto, a pesares de que ambas
representacións contaron co mesmo tipo de público na súa orixe —clase
proletaria—, e tamén nos tempos actuais, na que a súa aceptación é transversal
a todas as capas sociais. Difundido alén das illas polos mariñeiros británicos,
o fútbol foi un espectáculo que enseguida votou fortes raíces entre as clases
populares de todo o mundo, agás Estados Unidos, fronte, en cambio, o rugby, máis achegado á burguesía —esta
división, disipada hoxe, aínda segue a ser visible en Sudáfrica, antiga colonia
inglesa, na que o fútbol é practicado maioritariamente pola poboación negra,
mentres que o rugby é o deporte máis
prezado pola minoría branca. Nos primeiros anos, o cine tamén padeceu a
desconsideración da burguesía, máis apegada ao elitismo da escena teatral.
Daquela, se o
público é o mesmo ¿por que ambos espectáculos non acaban de amosar unha
convivencia máis fraternal? Unha destas razóns podería estar, por moito que
compartan unha duración similar, na estrutura narrativa. Mentres o cine
responde a un esquema aristótelico —presentación, nó, desenlace— o fútbol
quebranta este modelo porque calquera lance do partido poder ser esencial e
constituír un clímax que no cine resérvase sempre para o tramo final. De feito,
e aínda que resulte paradoxal, os marcadores baixos do fútbol supoñen a gran
virtude deste deporte, porque a posibilidade de que a acción fundamental poida
acontecer en calquera momento cubre de interese e emoción todo o relato. Sabemos
que a explosión de éxtase dun gol marcado no primeiro minuto non pode ser
superada por unha canastra de baloncesto nese mesmo arranque de partido.
Outro dos
motivos deste fracaso matrimonial reside no efecto de verosimilitude. A ampla
cultura visual do espectador de fútbol convérteo nun crítico implacable fronte
a artificiosidade das recreacións cinematográficos, sobre todo nos últimos
tempos grazas á superutilización das
cámaras televisivas capaces de ofrecer múltiples puntos de vista. Calquera seareiro
do balompé comprenderá estas palabras vendo como Silvester Stallone intenta
deter un penalti na película Escape to
victory, dirixida por John Huston no ocaso da súa carreira, baseada nunha
historia real protagonizada por xogadores do Dinamo de Kiev durante a ocupación
nazi de Ucrania. Por moito que a película intentase cubrir de veracidade as
escenas de xogo con xogadores profesionais —Pelé, Ardiles, Bobby Moore—, o
resultado final non deixa de ser, por momentos, ridículo.
Tampouco axuda
moito que o fútbol sexa un deporte colectivo, por máis que a prensa deportiva
insista en reverenciar a uns futbolistas por riba doutros. Os procesos de
identificación e proxección que seducen a un espectador cinematográfico
funcionan sobre todo coa individualización do protagonista, que, se o
trasladamos ao cine hollywoodiense, perfílase aínda máis grazas a mitoloxía
americana do ascenso individual ata a gloria desde as capas máis humildes da
sociedade. Por esta razón, o cine acolleu moito mellor as películas de boxeo
que de fútbol.
Deste xeito,
non é casual que sexa o cine documental e non o de ficción quen procura os
últimos achegamentos ao fútbol, seguindo a estela da reportaxe, da crónica xornalística,
porque o deporte rei semella ser un espectáculo para a televisión, para a
narración en directo, e non para a reconstrución fílmica.

No hay comentarios:
Publicar un comentario