martes, 4 de marzo de 2014

ROMAN POLANSKI

Unha das imaxes máis representativas de O pianista (2002), o exitoso filme de Roman Polanski —Palma de Ouro en Cannes e Oscar ao mellor director— amósanos a Wladyslaw Szpilman, o músico polaco interpretado por Adrien Brody, deambulando polas ruínas de Varsovia despois de lograr sobrevivir ao inferno do nazismo, aferrándose á súa condición de ser humano que conservou grazas á súa paixón pola música. En termos metafóricos, esta imaxe ben pode ser utilizada como icona da súa biografía, non só polas equivalencias dos acontecementos narrados na película cos feitos que padeceu en primeira persoa con apenas seis anos cando Alemaña invade Polonia, senón tamén, e sobre todo, por esa ansia de supervivencia que lle permite seguir facendo cine con oitenta anos a pesares dos numerosos sismos que sacudiron a súa existencia practicamente desde que naceu. Aínda era un neno cando a invasión nazi separouno da súa nai, exterminada no campo de concentración de Auswichtz; acabada a Guerra sufre un intento de asasinato a mans dun criminal buscado por tres homicidios; en 1969 á súa muller, embarazada de oito meses, é sacrificada pola seita de Charles Manson; en 1977 é encarcerado en Estados Unidos baixo a acusación de abusos sexuais a unha menor e fuxe do país aproveitando un permiso. En medio desta travesía tortuosa, aínda tivo tempo de realizar vinte longametraxes.