martes, 4 de marzo de 2014

ROMAN POLANSKI

Unha das imaxes máis representativas de O pianista (2002), o exitoso filme de Roman Polanski —Palma de Ouro en Cannes e Oscar ao mellor director— amósanos a Wladyslaw Szpilman, o músico polaco interpretado por Adrien Brody, deambulando polas ruínas de Varsovia despois de lograr sobrevivir ao inferno do nazismo, aferrándose á súa condición de ser humano que conservou grazas á súa paixón pola música. En termos metafóricos, esta imaxe ben pode ser utilizada como icona da súa biografía, non só polas equivalencias dos acontecementos narrados na película cos feitos que padeceu en primeira persoa con apenas seis anos cando Alemaña invade Polonia, senón tamén, e sobre todo, por esa ansia de supervivencia que lle permite seguir facendo cine con oitenta anos a pesares dos numerosos sismos que sacudiron a súa existencia practicamente desde que naceu. Aínda era un neno cando a invasión nazi separouno da súa nai, exterminada no campo de concentración de Auswichtz; acabada a Guerra sufre un intento de asasinato a mans dun criminal buscado por tres homicidios; en 1969 á súa muller, embarazada de oito meses, é sacrificada pola seita de Charles Manson; en 1977 é encarcerado en Estados Unidos baixo a acusación de abusos sexuais a unha menor e fuxe do país aproveitando un permiso. En medio desta travesía tortuosa, aínda tivo tempo de realizar vinte longametraxes.

                Desde o seu primeiro filme no ano 1962, O coitelo no auga, co que gañou o premio da FIPRESCI da Mostra de Venecia e foi nomeado ao Oscar á mellor película estranxeira, Polanski, fillo de emigrantes polacos nado en París, mantivo unha traxectoria distinguida polo aprecio da crítica e pola resposta positiva do público, malia que o primeiro secretario do partido comunista polaco Wieslaw Gomulka declarou que O coitelo no auga era un exemplo do que non debería ser o cine polaco. Este feito desvelou os problemas que podía ter no seu país e decidiu emigrar a París e a Londras, onde proseguiu coa súa carreira e, anos despois do seu debut, gañaba o Oso de Prata no Festival Internacional de Cine de Berlín por Repulsión, e o Oso de Ouro na edición seguinte con Cul-de-sac. O salto á Hollywood non puido ser máis exitosa, con tres longametraxes que o situaron na órbita dos realizadores máis prestixiosos: O baile dos vampiros (1967), Rosemary’s Baby (La semilla del diablo en español, 1968) e Chinatown (1974).



                Todo invitaba a pensar que a súa carreira en Hollywood sería moi exitosa, ata que aconteceu o infausto suceso con Samantha Gailey de trece anos de idade na mansión de Jack Nicholson. Desde entón, é perseguido pola xustiza estadounidense e viuse obrigado a continuar o seu oficio en Europa. Nos anos oitenta e noventa, algunhas obras menores como Piratas, Frenético ou A morte e a doncela —con secuencias rodadas en Valdoviño— faille perder algo do fulgor acadado, aínda que o seu maior revés de crítica é A novena porta unha película baseada nunha novela do escritor español Arturo Pérez Reverte, El club Dumas, que, ademais, contou coa participación de Enrique Urbizu no guión. Porén, o resultado económico permitiulle afrontar o proxecto de O pianista (2002), a película que case trinta anos despois de Chinatown volvía a situar a Polanski nun lugar privilexiado na cinematografía universal. Sobre esta película, o director declarou que, sen chegar a ser autobiográfica, utilizou varios recordos persoais para incorporalos ao guión. De feito, anos antes Steven Spielberg ofreceulle dirixir A lista de Schindler, pero Polanski rexeitou a oferta alegando que a historia que narra o exterminio nazi do gueto de Cracovia, onde estivo recluído durante a invasión nazi, suscitaban sentimentos que lle impedían traballar na película sen deixarse levar polos sentimentos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario