Non hai dúbida, e os datos o
demostran, de que a Primeira Guerra Mundial —chamada daquela a Gran Guerra
porque entón ninguén sospeitaba que vinte anos despois a humanidade volvería a
tropezar na mesma pedra— non despertou o mesmo interese, por parte da industria
cinematográfica, que, por exemplo, a Segunda Guerra Mundial; quizais a razón
resida nesa máxima que asegura que os malos das historias son máis fascinantes para
un espectador canto maior sexa a súa dose de maldade, e abofé que, neste
aspecto, tanto Adolf Hitler como o seus gregarios nacionalsocialistas posicionáronse
en franca vantaxe fronte ao resto de viláns que deparou o século XX.
Mentres
que a Segunda Guerra Mundial foi un conflito no que o compoñente ideolóxico
xogou unha baza moi importante, a Primeira, unha contenda eminentemente
colonial, semellaba estar allea a ideais que non tiveran que ver coa
apropiación de territorios no continente africano. Este aspecto sitúa a
Primeira Guerra Mundial nun escenario desideoloxizado que resultaba o máis axeitado
para describir a barbarie das guerras baixo unha pátina xeneralista. É dicir,
mentres a sentenza que adoita acompañar as películas ambientadas na Segunda
Guerra Mundial busca amosar “que malvados eran os nazis”, no caso da Primeira
Guerra Mundial a mensaxe que se procuraba era “que terribles son todas as
guerras”. A partires desta tese un pode comprobar como o antibelicismo é máis
habitual nos filmes que retratan a guerra de 1914.
Unha
das películas máis coñecidas sobre este acontecemento histórico foi Paths of glory (1957), escrita e
dirixida por Stanley Kubrick que adaptou a novela de Humphrey Cobb. Neste
filme, o autor amosaba o proceso de deshumanización que padecen todas as
persoas obrigadas a empuñar un fusil. Na retina dos espectadores queda a
secuencia final protagonizada por Christiane Harlan —actriz que acabaría sendo
esposa de Kubrick— cantando unha canción alemá titulada “Der treue Husar” que
faría brotar as lágrimas emocionadas duns soldados franceses que minutos antes
expelían toda unha serie de reaccións primarias. A película sufriu moitos
problemas coas autoridades francesas e a súa exhibición en Francia non se
permitiu ata o ano 1975. Na mesma
frecuencia antibelicista atópase tamén Sen
novidade no fronte (All quiet on the
western front, 1930), de Lewis Mileston, a partires da obra literaria de
Erich Marie Remarque sobre a desilusión dun grupo de estudantes alemáns que se
suman ao exército polas arengas nacionalistas do seu profesor e comproban a verdadeira
faciana da guerra. Unha terceira gran película sobre este período é A gran ilusión (La grande illusion, 1937), a obra mestra de Jean Renoir que da
conta das penurias duns soldados franceses nun campo de concentración alemán, cinta
que obtivo un prezado galardón: as críticas furibundas por parte do ministro de
propaganda alemán Goebbels. Outra das longametraxes memorables sobre a Gran
Guerra leva a sinatura do célebre guionista Dalton Trumbo —autor, entre outros,
dos guións de Espartaco e Éxodo— con Johnny colleu o seu fusil (Johnny
got his gun, 1971), a primeira e última película dirixida polo cineasta
perseguido polo macarthismo.
Destacan
nestes filmes o predominio dun protagonismo popular, colectivo, nun escenario
ausente de heroes, moi distanciado do tratamento individualista e mitificado que
recibiron combatentes doutros campos de batallas. Os soldados da Primeira
Guerra Mundial eran individuos pertencentes á clase obreira europea que foron
enviados á morte para defender os intereses das elites occidentais que buscaban
a supremacía colonial no continente africano, de aí que a execución dos
soldados franceses de Paths of glory pódase
interpretar como o aniquilación dunha incipiente conciencia obreira que si
triunfou en Rusia.

No hay comentarios:
Publicar un comentario