Certo que
pintor é a primeira verba que aborda a nosa mente cando oímos o nome de
Salvador Dalí, pero non menos certo é que, aínda con menor profusión, o
excéntrico ampurdanés plasmou a súa visión da realidade noutras facetas artísticas
como puido ser, por exemplo, o cinematógrafo. As características do cine
semellaban conformar un instrumento idóneo para o surrealismo, un movemento
baseado na plasmación do universo da inconsciencia —sonos, pesadelos, desexos e
traumas—, grazas á plasticidade das imaxes representadas na pantalla.
O seu
achegamento á sétima arte non foi, nin moito menos, tardía. Cando a súa obra
pictórica non acadara a loanza universal que hoxe coñecemos, Dalí participou
como guionista, xunto con Luís Buñuel —con quen trabara unha amizade na
Residencia de Estudantes de Madrid—, de Un
chie andalou (1929), a obra representativa do surrealismo cinematográfico.
O filme, que dura dezasete minutos, representa ese intento por descubrir o
funcionamento real do pensamento a través da escritura e das libres asociacións
de imaxes e ideas, descubrimento que no primeiro manifesto do surrealismo
promulgouse como definición suprema do movemento. Segundo deixou escrito Dalí,
os feitos que amosa a curtametraxe son feitos reais ou parecidos á realidade, e
polo tanto enigmáticos, incoherentes, irracionais, absurdos e sen explicación. A película exhíbese durante nove meses
consecutivos no Studio 28, unha das
salas de arte e ensaio máis importantes de París. Resulta inútil esbozar un
relato lóxico dos acontecementos que narra a película, pero na retina dos
espectadores perdurará para sempre o plano da navalla que corta o ollo da
actriz Simone Mareuil.
Un ano
despois, Luís Buñuel recibe unha oferta dos Vizcondes de Noailles para filmar
outra película cun orzamento de seiscentos cincuenta mil francos. A primeira
reacción do cineasta aragonés é comunicarllo a Dalí para traballar de novo
xuntos como o fixeran no guión de Un
chien andalou, pero o pintor catalán cambiara moito por mor da súa relación
con Gala. A pesares de que a amizade
entra nunha etapa de discrepancias, Dalí envía a Buñuel varias ideas por carta
e acabará figurando como guionista. Ambas obras conformarán un díptico
surrealista, no que a primeira película trata sobre as barreiras mentais que
imposibilitan o libre fluxo do inconsciente, e a segunda sobre os muros que a
sociedade burguesa da época levanta para impedir que os individuos poidan
actuar con total liberdade.
En 1945
Salvador Dalí traballou nun proxecto de Walt Disney que levaría o título de Destino, pero finalmente o magnate dos
debuxos animados desestimou e empresa. Porén, cincuenta e catro anos despois o
proxecto volveu a ser retomado ata configurar unha curta de animación que foi
estreada no Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy, en Francia,
no ano 2003.
Pero antes
dese propósito errado, Alfred Hitchcock logrou convencer ao produtor David O.
Selznick para que contratara a Salvador Dalí como deseñador das secuencias
oníricas de Recorda (Spellbound, 1945), película
protagonizada por Gregory Peck e Ingrid Bergman. Hitchcock solicitou os
servizos de Dalí porque desexaba evitar o recurso pasado de moda do esvaído
para as imaxes dun sono; buscaba a nitidez, con largas sombras, infinidade nas
distancias e liñas converxentes da perspectiva. O pintor traballou dous meses
na configuración da secuencia co
cineasta e perfilou un centenar de bosquexos e cinco pinturas ao óleo, pero
moitas das ideas non acabaron de convencer a Hitchcock, que tivo que acurtar a
secuencia tal e como foi filmado ao principio. Finalmente, na montaxe quedaron
as imaxes duns tellados en miniatura, o sono da casa de xogo e o corte das
cortinas adornadas con ollos, que recorda, irremediablemente, á imaxe da
incisión na córnea en Un chien andalou.

No hay comentarios:
Publicar un comentario