Toda
arte debe ser unha busca continua na que o estímulo non está no achado, senón no
propio proceso de busca, como unha viaxe sen destino final. Igual que un
Gauguin moderno que aferra en vez dun pincel unha cámara cinematográfica,
Oliver Laxe, galego nado en París, deixou atrás o hábitat burgués para buscar
en Marrocos unha mirada a partir da cal poder plasmar o seu pensamento sobre a
arte cinematográfica. No proceso de conformación dunha linguaxe fílmica
autónoma respecto doutras artes, o clasicismo cinematográfico aportou a total
transparencia de instancia enunciadora, é dicir, o borrado de todas as pegadas
que remitiran ao suxeito responsable da construción do universo de ficción que
amosaba a pantalla, dando nome, segundo o cualificativo de Roland Barthes, ao
grado cero da escritura cinematográfica. A partir da posta en cuestión dese
grado cero xurde a reivindicación dun cine autorial na o que o director coa súa
cámara-pluma —en imitación ao arte literario— ou a súa cámara-pincel —pintura—
deixaba de ser un mero transmisor silencioso do texto preexistente ata chegar a
ser un artista creativo.