lunes, 23 de diciembre de 2013

CINE E LITERATURA

O cine naceu como atracción de feira, e con ese estigma tivo que convivir nos primeiros anos de existencia, soportando comparacións, moitas veces vexatorias, respecto doutras artes máis “cultas” como eran o teatro e a literatura. Certo escritor español, de prestixio estimado, chegou a afirmar nunha ocasión que aos literatos, por adaptar algunha das súas novelas, non se lles paga dereitos de autor, senón que, en realidade, se lles pega unha indemnización por danos e perxuízos ocasionados na obra orixinal. O primeiro intento por enaltecer a imaxe do cinematógrafo levou a sinatura dos irmáns Lafitte, banqueiros franceses que fundaron no ano 1908 a produtora Film d’Art, concibida para atraer ao cine a escritores famosos que adaptasen á pantalla argumentos de grandes literatos: Shakespeare, Homero, Zola, Goethe e Molière. O experimento quedou afinado a episodios marxinais nos libros de historia do cine, como exemplo dunha vaidade elitista que non aportou nada á linguaxe cinematográfica. Mentres, no outro lado do Atlántico, David Wark Griffith rastreaba na obra de Dickens para adaptar, non argumentos, senón formas narrativas que liberasen ao cine do inmobilismo espazo-temporal do teatro.

Gonzalo Suárez, ese escritor que fai cine e que, de vez en cando, volve a experimentar coa literatura, afirmou en certa ocasión que o cine é unha arte que depende doutras artes; mentres amose actores parlantes, non se emancipará do teatro; mentres fotografe paisaxes, ilumine interiores e retrate personaxes, non se emancipará das artes plásticas; mentres recorra á música, non se emancipará da ópera; e, sobre todo, mentres conte historias, non se emancipará da literatura, á que o cineasta asturiano denominou como o “medio irmán incestuoso do cine”. A primeira adaptación audiovisual  dun texto literario prodúcese xa no momento da lectura por parte do lector individual. Cando lemos unha novela estamos a reproducir na nosa imaxinación a hipotética película que latexa nas páxinas do relato escrito, o cal me leva a preguntarme, sen afán de acadar unha resposta categórica e absoluta, se a invención do cinematógrafo cambiou o acto mental de lectura, é dicir, se os nosos antepasados, aqueles que xamais chegaron a presenciar unha peza de cine, reproducían as imaxes na súa mente do mesmo xeito que nós, pertencentes á xeración do audiovisual, facemos cando nos enfrontamos a unha novela. Detrás dunha frase como “é mellor a novela que a película” acostuma a esconderse dúas cuestións: que o autor desa frase queira deixar clara unha distancia intelectual respecto dos seus interlocutores polo feito de ler o libro, e, en segundo lugar, que adaptación mental que realizou no seu momento discorde do plasmado polo director. Neste último caso, a discordancia é rexeitada sobre todo cando a adaptación fílmica introduce variacións no argumento do orixinal literario,  pero o que todo espectador debe xulgar é que a fidelidade libro-película non debe ser considerada un valor engadido, porque ese argumento non é máis que unha fase previa do guión que sufrirá sucesivas transformacións, en parte, determinadas polo contexto histórico, pero, sobre todo, polas pretensións estéticas do director.



Certo é que grandes novelas xamais atoparon unha versión cinematográfica á altura do seu valor literario, pero non é menos indubidable que novelas de baixo perfil foron convertidas en obras mestras do cine. Lémbrome, case de forma automática, de títulos como Psycho de Alfred Hitchcock, A dama de Shangai de Orson Welles, Centauros do deserto de John Ford ou O padriño de Francis Ford Coppola. Omito a conciencia os autores das novelas como proba de que a celebridade destas películas  non reside na pluma que as inspirou.

No hay comentarios:

Publicar un comentario