viernes, 17 de enero de 2014

Faro da cultura. Doris Lessing e os angry young men

Cando en setembro de 2007 a Academia Sueca outorgou o Premio Nobel de Literatura á escritora británica nacida en Irán Doris Lessing, os medios de comunicación gráficos e audiovisuais trasladáronse, para ilustrar a nova anunciada desde Estocolmo de medio mundo, ao domicilio da galardoada e alí atopáronse  coa imaxe dunha anciá —daquela contaba oitenta e sete anos—sentada nas escaleiras da súa casa ataviada cunha naturalidade pouco afín ás excelencias do galardón, referendada pola vestimenta propia dunha afectiva avoa que semellaba ser sorprendida mentres desempeñaba o seu quefacer doméstico. A pouco que un procedese a interrogar a imaxe pronto chegaría a conclusión de que aquela muller de pelo cano e descoidado vivía nas marxes da sociedade actual, como se pretendese tomar distancia sobre ela e acadar así unha perspectiva máis esclarecedora do que estaba a acontecer no mundo. A lectura da súa obra literaria pode ser, nos tempos presentes, unha das experiencias máis arrebatadoras á que pode enfrontarse unha persoa que busque unha visión contestaría do estado das cousas un faro no medio da escuridade que, no pasado mes de novembro, apagouse para sempre, engrosando o desmedido parte necrolóxico do ano 2013. Feminista, pacifista, anticolonialista e, nalgunhas fases da súa vida, comunista, Doris Lessing formou parte dos Angry Young Men (xoves airados) unha das correntes máis combativas no mundo intelectual do Reino Unido que abrangueu diversas disciplinas artísticas, a máis refulxente a cinematográfica, arredor do Free Cinema.

Do mesmo xeito que a Nouvelle Vague francesa, o Free cinema inglés iniciouse como reacción fronte as estruturas industriais do cine, pero tamén como unha rebelión fronte actitudes morais conformistas. Ambos movementos capitalizaron o interese dos novos cines europeos que crearon, arredor das revistas especializadas (Cahiers du Cinema e Sequence), un embrión onde desenvolver as súas ideas renovadoras que logo porían en práctica. Nun texto-manifesto publicado en 1958 —o mesmo ano no que a aviación británica bombardeaba territorio exipcio co motivo da “crise de Suez”— o director de This sporting life, Lindsay Anderson, animaba ás novas xeracións de inconformistas a “saír” e “empurrar” para intentar cambiar o mundo.


As figuras máis destacadas deste movemento foron o xa citado Lindsay Anderson, Karel Reisz (Saturday night and Sunday morning, 1961) e Tony Richardson (Look back in anger, 1959). A corrente xurdiu, en parte, da escola documental inglesa, procurando unha atención as realidades colectivas e combatendo a idea de que o cine e máis o teatro puideran ser só un entretemento superficial. Acusaron á industria británica de acomodada e reclamaron o regreso dun cine socialmente comprometido, que puidera mostrar os conflitos da rúa con recursos expresivos innovadores.

No manifesto, Anderson critica que as películas inglesas ambientadas no pobo poden contarse cos dedos dunha man e, na posguerra, eses filmes son aínda máis raros. Avoga por unha industria cinematográfica na que poida rodar un documental de corenta minutos sobre a xente que traballa no mercado de Covent Garden sen que ninguén lle diga que, para estrealo nos cines británicos, teña que reducilo a dezaoito minutos, porque na súa opinión eses rostros dos traballadores merece un lugar de honra nas pantallas do seu país. A ollada destes artistas non busca os palacios suntuosos onde se desenvolvían tramas irreais entre aristócratas e personaxes de alto liñaxe, senón que indaga os recunchos traseiros da sociedade que sobreviviu á Segunda Guerra Mundial, os barrios marxinais, os fogares da xente do común, na procura de imaxes que atopan a beleza no sinxelo, como aquela instantánea de Doris Lessing na porta da súa casa o día que lle concederon o Nobel.

No hay comentarios:

Publicar un comentario