A crise económica que azouta,
desde hai cinco anos, á vella Europa e á América setentrional é tan real como os
centos de milleiros de individuos con nomes e apelidos que, dun día para outro,
viron como as súas vidas convertéronse en dramas; tan real como as historias de
coñecidos, parentes ou, incluso, as que nos afectan a nós mesmos, e que
manteñen a toda unha sociedade sumida na desesperación. O gran paradoxo desta
crise —insisto, tan real como a vida mesma— atópase no fundamento virtual do
seu desencadeante: non estamos a sufrir esta crise por mor dunha guerra mundial,
unha catástrofe natural ou unha epidemia devastadora, senón que estamos a
sufrir as consecuencias dunhas cábalas numéricas manobradas por mentes
avariciosas que acadaron, sobre a manipulación de díxitos, obscenos beneficios.
A hecatombe
financeira levounos ata esta situación, e o cine, como arte do seu tempo, non
dubidou en mergullarse no parqué de Wall
Street. Ademais da estrea da última película de Martin Scorsese, O lobo de Wall Street (The wolf of Wall Street), outros títulos
recentes procuraron destapar ese deshumanizado espazo. Documentais altamente
recomendables como Capitalism: a love
story (Michael Moore, 2009), The
shock doctrine (Michael Winterbottom, Mat Whitecross, 2009) e Inside Job (Charles Ferguson, 2010),
supoñen exercicios contestarios fronte un sistema económico hexemónico tras a
caída do muro de Berlín. Pero tamén existen longametraxes que buscan destapar a
prestidixitación dos oligarcas; tal é o caso de Margin Call (J.C. Chandor, 2011), que relata, cunha posta en cadro
moi austera, a caída dun xigante financeiro que ao espectador lle recorda a Lehman Brothers. Pola súa parte, Oliver
Stone avistou, coa crise actual, a posibilidade de rodar Wall Street 2: Money never sleeps (2010), secuela de Wall Street rodada 1987, no mesmo ano no
que Tom Wolfe publicaba The bonfire of
the vanities —en castelán, La hoguera
de las vanidades— novela que retrata as cloacas do mundo financeiro
estadounidense.
Tres anos despois, Brian de Palma adaptaba ao cine o texto de
Wolfe con notable habilidade, cun inicio na que o realizador facía uso dunhas
imaxes cun alto valor simbólico. O filme abríase cunha panorámica de esquerda á
dereita da cidade de Nova Iorque desde o alto de edificio Chrysler, que foi
construído no ano 1928 e que, ata o levantamento do Empire State once meses
despois, foi o edificio máis alto do mundo.
Foros os tempos da febre dos grandes rañaceos, os tempos nos que a
soberbia humana rivalizaba por construír o edificio máis alto, empresa
“blasfema” polo que ten de paralelismo coa Torre de Babel, o símbolo bíblico da
vaidade humana. Na parte esquerda desta imaxe atópase unha das gárgolas do
edificio Chrysler en forma de aguia, unha ave depredadora que descende das
alturas para atrapar á súa presa, cuxa icona foi parte de moitos escudos bélicos
europeos, incluso de réximes como o nazismo ou o franquismo, o que da conta da
súa connotación guerreira. A aguia pétrea semella cravar a súa mirada nos
edificios do World Trade Center, o centro financeiro de Estados Unidos —anos
despois da filmación da película, as circunstancias históricas demostrarían de
que forma, nun suspiro, todo ese poder se ven abaixo— onde se desenvolve a
trama da película. A composición deste plano convida a pensar que estamos ante
un plano semisubxectivo de Nova Iorque a partires da ollada da aguia que
observa desde o ceo aos seres minúsculos que poboan a cidade, seres
cuantificados en botíns de caza. Imaxe que recorda unha ilustración de “El
Roto”, cando un personaxe queixábase ante un neoliberal: “Perdoe, pero detrás
dos números hai persoas”, ao que este responde: “Pois que se aparten”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario