Cando unha produtora merca os dereitos de autor dunha novela
que no seu día acadou unhas substanciais cifras de ventas nas librerías, en
primeiro lugar está a mercar tamén a curiosidade de centos de miles de lectores
que ansían ver en imaxes o que antes ollaron en papel, e, en segundo lugar,
adquire tamén unha importante campaña publicitaria a custo cero, iniciada no
mesmo momento que o libro comeza a ser un fenómeno editorial e que se prolonga,
sen paréntese, ata a estrea cinematográfica, razón pola cal é imprescindible
que a realización da versión fílmica se leve a cabo nun período de tempo breve
desde á publicación da novela, para enlazar así a estela do éxito literario co
lanzamento da adaptación fílmica. Por este motivo, autores como Tom Clancy, Stephen King, John Grisham ou Dan Brown asinan
a cesión dos dereitos para unha futura adaptación case ao tempo que escriben o
último parágrafo da súa obra, construídas baixo os parámetros narrativos do
guión cinematográfico clásico para facilitar así á súa translación ao cine ou á
televisión.
Destes catro escritores citados, nos últimos tempos, Dan
Brown pasa por ser o novelista con máis tirón comercial no planeta, sobre todo
a raíz da aparición de O Código Da Vinci,
o fenómeno editorial que chegou a vender máis de oitenta millóns de exemplares
en todo o mundo. Se tiveramos que realizar unha análise literaria,
probablemente as conclusión non serían do agrado dos seareiros do escritor, sen
embargo, un xuízo menos “elevado” desta obra pode amosarnos as propiedades que explican
o seu éxito e que, ademais, acercan a súa narrativa á cinematográfica. O
historiador e teórico do cine David Bordwell afirmaba que unha trama fílmica
avanzaba en base á creación e satisfacción de expectativas, é dicir, créase unha
expectativa e posteriormente, segundo a forma de resolvela, atraparemos a
atención dun espectador: se a resolución se retarda estaremos creando suspense,
se contradí a resolución que o espectador anticipa na súa imaxinación
producimos sorpresa, e se, por contra, presenciamos unha situación da que non
temos toda a información estaremos fomentando a curiosidade. Eses tres puntos
do discurso son os que Dan Brown estrutura con acerto, co engadido de que cada
resolución ven acompañada dunha nova expectativa, noutras palabras, en O Código Da Vinci cada vez que se atopa
resposta a un misterio, ábrese outro novo de forma inmediata, como unha
“gincana” literaria que consigue que a atención non perda intensidade.
Outra propiedade do mundo literario de Dan Brown, que vemos
presente en toda a súa obra, e que fai referencia a aspectos temáticos, é a
esfera onde introduce o misterio, isto é, o elemento desestabilizador: no
interior dun dos espazos máis herméticos do mundo, o Vaticano, onde se atopan
as respostas do berce da nosa civilización, respostas que el refuta a partires
dunha exploración pola simboloxía cristiá. Canto máis aparencia de lugar seguro
teña o espazo que é atacado polo elemento desestabilizador —roubo, asasinato—
máis grande será o impacto e, polo tanto, máis intensa a capacidade para chamar
a atención; non é o mesmo, a efectos impactantes, un crime nunha favela brasileira
que, por exemplo, no interior da Casabranca.
Esta ambientación en torno á xerarquía católica permite,
ademais, engadir á trama ingredientes que sempre atoparon cunha masa importante
de seguidores, un pouco de novela histórica, arte e relixión, aderezada baixo
unha capa de misterio. Non hai mais que ver as numerosas publicacións en torno
a este tema que sucederon a O Código Da
Vinci para darse conta da repercusión que este libro tivo na industria
editorial.

No hay comentarios:
Publicar un comentario