sábado, 18 de noviembre de 2017

Erotismo e pornografía no cine



Todo comezou en Francia coa estrea de A vida de Adele (Abdellatif Kechiche, 2013) e continuou con Love (Gaspar Noé, 2015), filmes postos en forma con imaxes de contido sexual que foron, inicialmente, prohibidas para menores de 16 anos.

  Porén, a asociación católica “Promouvoir” emprendeu entón unha batalla legal para vetar o visionado a menores de 18 ata que, finalmente, acadou o seu obxectivo. A industria cinematográfico francesa reaccionou de inmediato considerando o veto un ataque á liberdade de expresión artística. A raíz desta polémica, a ministra de cultura gala, Audrey Azoulay, encargou un informe cuxas conclusións  foron incorporadas a un decreto que permitirá aos menores de 18 anos asistir ás exhibicións de filmes con sexo explícito sempre e cando conte coa autorización dun comité de avaliación. A defensa da sensibilidade e da dignidade dos menores imponse como unha das pautas máis importantes á hora de realizar a avaliación.
Arredor deste suceso xorden unha serie de interrogantes. Pode considerarse pornografía calquera imaxe de sexo explícito? Podemos considerar os filmes citados como produtos pornográficos? Rotundamente non, nin na forma nin no fondo, A vida de Adele ou Love —por outra banda, dúas películas fantásticas— seguen os parámetros da pornografía.
O término “porno” provén do grego “pornái” (prostituta) ou “pornói” (prostituto), mentres que, á súa vez, a ambos proceden de “pérnemi” (vendida). É dicir, prostituta-escrava. Pola súa parte, “grafía” fai referencia a un relato, a unha narrativa que ben pode ser oral, escrita ou visual. Resulta paradoxal que, a pesares deste sufixo, a pornografía, sobre todo no texto cinematográfico, caracterízase pola derogación dunha narrativa ademais da aproximación microscópica ao corpo. De aí que o erotismo sexa representado como unha forma de produción superior fronte a explicitación reiterativa do pornográfico. Como a metáfora —“meta” (alén) e “pherein” (trasladar)— a beleza é unha aproximación, unha viaxe gravitatoria en torno ao concepto nuclear, é dicir, unha representación daquelas imaxes que connotan máis que denotan, e nesa connotación atópase o verdadeiro misterio do erotismo. 
Daniel Jones sinala nun estudo que as adolescentes explicitan un rexeitamento a consumir porno, debido ao explícito das imaxes e ao seu carácter de sexo sen afecto. En cambio, resulta frecuente ver pornografía grupalmente entre os varóns de 12 a 14 anos, os cales aseguran que a través destes filmes aprenden “cousas que non lle contan na familia ou na escola”. A resposta delata un problema, un problema encarnado nun baleiro. É responsable manter ese baleiro? É responsable deixar que sexa a pornografía quen enche ese baleiro? Pensado para un público maioritariamente masculino, a pornografía escenifica unha sexualidade baseada na dominación, na submisión das mulleres que, como as femias das civilizacións máis atávicas, son unicamente procuradores de pracer, pero nunca receptoras. Pode a sociedade actual ilustrar aos mozos que o comportamento erótico debe ser realizado nos términos que a pornografía enuncia? Podemos entender, entón, que a finalidade de ministra francesa de cultura sexa encher o baleiro dunha deficiente educación sexual para evitar a primacía dun comportamento erótico baseado na pornografía?

No hay comentarios:

Publicar un comentario