Aínda que asumamos a dificultade
que supón dar cunha definición precisa e académica do anglicismo best seller, calquera de nós podemos
facer un exercicio de simplificación que nos permita enumerar unha serie de
características que, ineludiblemente, conflúan cara un concepto semántico que
ven explícito na etiqueta terminolóxica orixinal: vender (literalmente, best seller significa “o mellor
vendido”). Dado que estamos ante un termo de índole comercial, este tipo de
obras poden ser entendidas como novelas, usualmente de aventuras, acción,
intriga ou suspense, que acadan un elevado éxito de ventas a nivel nacional e
internacional. Na creación dos best
sellers combínanse certas formas narrativas con grandes campañas
publicitarias das editoriais. Convértese, deste xeito, a obra literaria nun
obxecto mercantil apegado a unha sistema de produción en cadea propio do
capitalismo que permite crear pezas a partires dun patrón que xa con
anterioridade orixinou uns beneficios, de aí que o escritor repita
constantemente as estruturas que lle depararon a súa popularidade actual, é
dicir, usará os mesmos ingredientes que lle facilitaron o seu éxito. Porén,
estaremos da cordo en recoñecer que no mercado literario, así como tamén no
cinematográfico, a priori non existe o éxito garantido, por moito que
teoricamente poidan confluír os mesmos ingredientes que deron pé a un éxito
rotundo de ventas.
Unha vez establecida esa
estrutura de éxito, o sistema vaise consolidando por medio dun proceso retroalimentativo,
de tal xeito que os destinatarios dese produto van asimilando un esquema de
lectura simple que, á súa vez, no futuro
os levará a demandar unha obra de semellantes características narrativas e
argumentais, porque ese esquema garante unha comprensión máis cómoda e
menos dificultosa.
Se realizamos o transvase as
afirmación que sustentan esta teoría ao cine, decatámonos que o modelo
hollywoodiense non é máis que a consolidación duns códigos narrativos que
faciliten a comprensión por parte do espectador da longametraxe que está a ollar. Fai uns anos, José Luis Guerín, nunha
conferencia impartida ao abeiro dun congreso sobre cine e literatura celebrado
na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, afirmaba que o cine de
terror estadounidense estaba destinado ao público adolescente, porque debido á
súa corta idade, aínda non chegara a visionar demasiadas películas deste xénero
para decatarse da reiteración dun esquema narrativo e duns estereotipos, por
iso non aborrecen que o coche nunca acenda á primeira.
Cando unha produtora merca os
dereitos de autor dunha novela que no seu día acadou unhas substanciais cifras
de ventas nas librerías, en primeiro lugar está a mercar tamén a curiosidade de
centos de miles de lectores que ansían ver en imaxes o que antes ollaron en
papel, e, en segundo lugar, adquire tamén unha importante campaña publicitaria
a custo cero, iniciada no mesmo momento que o libro comeza a ser un fenómeno
editorial e que se prolonga, sen paréntese, ata a estrea cinematográfica, razón
pola cal é imprescindible que a realización da versión fílmica lévese a cabo
nun período de tempo breve desde á publicación da novela, para enlazar así a
estela do éxito literario co lanzamento da adaptación fílmica. Por este motivo,
autores como Tomm Clancy, Don Brown, Stephen King ou John Grisham asinan a
cesión dos dereitos para unha futura adaptación case ao tempo que escriben o
último parágrafo da súa obra, construídas baixo os parámetros narrativos do
guión cinematográfico clásico para facilitar así á súa translación ao cine ou á
televisión.

No hay comentarios:
Publicar un comentario