Coa nova
versión de O gran Gatsby, unha novela
que a xuízo do autor destas liñas supón unha obra cumio da literatura universal
do século XX, xa son cinco as adaptacións fílmicas que beben do libro de
Francis Scott Fitzgerald. A primeira delas, da cal non se conservan copias, é
unha versión muda dirixida por Herbert Brenon, á cal seguiría, xa na etapa
sonora, outra transposición de Elliot Nugent no ano 1947, con Alan Ladd no
papel principal. No ano 1974, Jack Clayton firmou a adaptación máis célebre de
todas, na que o actor Robert Redford encarnou ao personaxe de Jay Gatsby. Máis
recente é unha versión para televisión que tivo poucas repercusións alén das
fronteiras estadounidenses, ata que a nova revisión de Buz Lurhmann, con
Leonardo DiCaprio no papel principal, semella querer disputar ao film de
Clayton a supremacía da posta en imaxes deste clásico literario.
Este novo
achegamento do cine á figura de F. Scott Fitzgerald —fai catro anos David
Fincher fixo unha relectura do conto de Benjamin Button— supón unha homenaxe
póstuma a quen fora un dos máis célebres escritores americanos do século XX,
cuxa relación coa industria cinematográfica foi tan tormentosa como os seus
últimos anos de vida, antes de falecer, con apenas corenta e cinco, consumido
polo alcohol. Entrou na maquinaria do cine cando Hollywood tirou de talonario
para contratar aos máis famosos novelistas e dramaturgos da época. O produtor
da United Artists, John Considine, ofrécelle escribir unha historia para
Constance Talmadge, a nena prodixio do seu estudio, pero o guión non convence e
finalmente non chega a rodarse. Máis tarde consegue un contrato para a Metro
Goldwyn Mayer co encargo de reescribir un guión baseado nunha obra de Catherine
Brush, pero, de novo, sería rexeitado. Vaise de Hollywood decepcionado, pero a
súa inspiración literaria perdera toda a frescura. No ámbito persoal as
desgracias multiplicábanse, como a súa dependencia do alcohol, a tuberculose e
os problemas mentais da súa esposa que ten que ingresar nun centro psiquiátrico.
Por este motivo retorna a Hollywood e no ano 1938 escribe o guión de Tres camaradas, a partires dunha novela
de Erich Maria Remarque, na que sería a única longametraxe na que o nome de
Scott Fitzgerald aparecerá nos títulos de crédito como guionista. Todos os guións
acometidos desde entón xamais chegaron alén do folio mecanografiado.
O gran Gatsby describe unha sociedade
materialista, hedonista e individualista; unha sociedade orxiástica que vivía
nunha festa continua de consumismo e ostentación, na que os seus personaxes
gañaban moitos cartos nun prazo moi curto de tempo e dun xeito moi ambiguo. A
casa de Gatsby era unha metáfora dese estilo de vida sumido na sacralización do
presente, que acollía festas nas que o champaña servíase en copas máis grandes
que froiteiras. Pero cada final de festa desvelaba o baldeiro perpetuo dese modus vivendi. Nada se sabe do
anfitrión, de Jay Gatsby, e pouco dos convidados que acudían as celebracións na
súa mansión, como se a súa existencia fóra dese ámbito de diversión nocturna
non tivera valor de ningún tipo. A prepotencia do materialismo que retratou
Scott Fitzgerald fai case un século ben
pode ser analizado en termos actuais, aos anos previos ao crack do 2008 que
mantennos sumidos nunha depresión económica e moral da cal semella imos tardar
en saír, eses anos nos que o capitalismo enarboraba con prepotencia á súa
hexemonía amoral, seguro de ter acadado unha prosperidade eterna grazas a unha
visión obscena do mundo, no que todo pode ser contabilizado en dólares ou euros,
como cando Mr. Gatsby saía ao xardín para ollar o ceo e investigar que porción
do firmamento lle corresponde.

No hay comentarios:
Publicar un comentario