jueves, 23 de mayo de 2013

Faro da cultura. Os contos clásicos


No ano 1976, Bruno Bettelheim publicou un ensaio titulado Psicoanálise dos contos de fadas no que exploraba o mundo subterráneo destas historias; segundo o autor, baixo a aparente inocencia dos relatos latexa unha serie formulacións relacionadas co erotismo, a violencia e as paixón recónditas dos seres humanos. As páxinas desta obra demostran ata que punto existen distintos niveis de lecturas que, dependendo do enfoque que o lector queira proxectar, poden deparar conclusións ben dispares. En parte, as versións que na actualididade estanse a facer dos contos populares veñen a seguir unha senda aberta por Bettlheim. Pola súa banda, Henry Jenkins falou da cultura da converxencia para referirse a un proceso no que os elementos tradicionais son adaptados aos novos medios de comunicación coa intención de actualizar o mito, a fin de contas, as adaptacións son unha forma de reescritura na que se trata de acomodar un texto a un receptor específico, a unha nova linguaxe ou a un novo contexto. Partindo do análise destes tres elementos centrais do proceso de converxencia, podemos explicar brevemente algunhas das motivacións que impulsan as múltiples versións cinematográficas dos contos clásicos infantís que dun tempo a esta parte enchen as salas de cine.

                En canto ao cuestión do receptor, non cabe dúbida de que, con respecto ás versións de Walt Disney, vaise experimentar unha variación. Se nas longametraxes de animación dos anos corenta e cincuenta os destinatarios  pertencían  a un público infantil, na actualidade, as historias están configuradas para atraer a un público xuvenil, moito máis dinámico e independente á hora de acudir ás salas de cine, que recentemente xa demostrou unha fidelidade considerable cun fenómeno novelesco e cinematográfico que garda moitas concomitancias coa semántica e estética das recentes adaptacións. Estamos a falar da triloxía Crepúsculo, que mesturou patróns da literatura gótica de terror con pautas dos contos populares, todos eles dirixidos a unha mirada adolescente, aínda que non deberiamos pasar por alto o precedente de O señor dos aneis, tamén como fenómeno xuvenil, aínda que chegase a un público masificado.


                En canto á linguaxe utilizada, é evidente a transformación da narrativa clásica de Walt Disney nunha narrativa posmoderna. As longametraxes do mago dos debuxos animados avanzaban baixo os postulados do Modelo de Representación Institucional, dependente da transparencia enunciativa e a fluidez da narración, as cales garantían unha doada comprensión por parte dos pequenos espectadores, que ademais gozaban cun tema musical de corte optimista e saboreaban un desenlace moralizante.  Por outra banda, eran suprimidas dos orixinais literarios as referencias sexuais e a violencia. Porén, en canto as adaptacións recentes, percíbese unha estética moito máis escura, gótica en ocasións, moito menos naif, lindando coa posta en forma característica das películas de terror, outro dos xéneros preferidos dos espectadores xuvenís.
                Polo que atinxe ao contexto, non cabe dúbida de que a situación mundial actual fomenta as ansias de evasión nos espectadores. Está claro que o xénero da ciencia ficción está en decadencia, polo que agora mesmo é a fantasía a que constrúe un mundo alén dos parámetros realistas, como se os habitantes do planeta anhelasen retornar ao útero materno, ese espazo que simboliza a etapa infantil do ser humano, un período libre de preocupacións e sobresaltos, e que supón un refuxio idóneo para evadirse da realidade circundante que nos humilla e que nos rouba un futuro. A fin de contas, os espectadores das adaptacións de contos clásicos non buscan máis que unha man que os arrola cara un sono.

No hay comentarios:

Publicar un comentario