Aínda que de neno vive na Coruña
parte da súa infancia (chega coa súa familia con apenas tres anos), José
Sellier (Givors, 1850-A Coruña, 1922) aséntase definitivamente na urbe herculina
no ano 1886, onde se fai cargo do afamado estudo fotográfico que o seu irmán
Luis tiña na rúa Real. Sellier mantén constante relación coa empresa dos irmáns
Lumière, de onde recibe información sobre os últimos avances tecnolóxicos,
incluído o cinematógrafo, que merca tan pronto como sae á venta en maio de
1897. O día 23 dese mesmo mes, de feito, Sellier proxecta por primeira vez co
cinematógrafo no Bazar de la Industria (rúa Real, 8) “Varias vistas de La
Coruña” que son algúns dos primeiros filmes españois rodados con cámara
Lumière. A única filmación que podemos datar con exactitude é “Entierro del
General Sánchez Bregua”, impresionada o 20 de xuño. Non se conserva ningunha
das cintas de Sellier, pero si a reportaxe fotográfica sobre o sepelio
realizada por el mesmo para o número 184 de Nuevo
Mundo (14 de xullo de 1897), e diversos factores nos indican que pouco
puido variar o emprazamento do cinematógrafo Lumière accionado por Sellier do
da súa cámara fotográfica. O pronunciado picado sobre a comitiva fúnebre en
decidida oblicuidade con respecto á rúa, orixina que aquela cruce o encadre en diagonal descendente de esquerda á
dereita, ata saía de campo pola parte inferior deste último lado.
Tras
algún problemas para atopar un local de exhibición, Sellier acondiciona o seu
gabinete fotográfico da rúa de San Andrés e inicia as sesións o 17 de outubro.
No seu primeiro programa, xunto con varios títulos dos Lumière, preséntase o
filme do sepelio do xeneral Sánchez Bregua e, tamén, “Fábrica de gas”, “Plaza
de Mina” e “Orzán, oleaje” (con seguridade os títulos rodados en maio), aos que
se van sumando novas filmacións como
“San Jorge, salida de misa” e “Cantón Grande”, ou, xa ao ano seguinte,
“Temporal en Riazor”, “Matadero, salida de operarios”, “Descarga de carbón”,
“Regreso de Cuba” e “Desembarco de heridos en Cuba en nuestro puerto”.
Preséntase, ademais, datos sobre un novo título, “Siesta interrumpida”, ata o de agora descoñecido e posible
protoficción, de ser así tamén inaugural no país.
En
calquera caso, estes títulos amosan a preferencia de Sellier polas escenas da
composición urbana, social e económica e noutros feitos relevantes da vida
coruñesa do século XIX, intentando sobre todo atraer a mirada do público local.
É dicir, estas fitas supoñen unha adaptación do modelo dos filmes de Lumière da
época: imaxes documentais de apenas un minuto, cámara inmóbil e profundidade de
campo. Entre finais de 1898 e 1900 Sellier (ou algún dos seus empregados) viaxa
a outras cidades de Galicia como Vigo, Ferrol ou Santiago para amosar o seu
repertorio, o que constitúe a derradeira exhibición pública dos seus filmes e o
afastamento definitivo do cinema. Porén, no deixará de lado a súa labor fotográfica ata 1914. Morre en A Coruña
o 21 de novembro de 1922.

No hay comentarios:
Publicar un comentario