Hai poucas datas falecía Alfredo
Landa, un dos cómicos máis populares e prolíficos do cine español, posuidor dun
particular trazo interpretativo herdeiro das tradicións escénicas hispanas que
deron primacía ao protagonismo grupal e proporcionaron relevancia aos actores secundarios.
Célebres foron as súas actuacións en Los
santos inocentes (Mario Camus, 1984) ou nas dúas versión de El Crack (José Luis Garci, 1981 e 1983),
pero no imaxinario colectivo galego quedou a pegada da súa encarnación do personaxe
retratado por Fernández Flórez en O
bosque animado, o bandoleiro Fendetestas, baixo a tutela de José Luis
Cuerda e o proceso de adaptación de Rafael Azcona.
Para Fernández Flórez a figura do
bandoleiro, coa súa idealización literaria e oral, encabezaba unha loita contra
unha das maiores lacras que laceraban ao campo galego: o caciquismo. Con 21
anos de idade, o autor coruñés dirixiu un semanario (La Defensa) que no seu manifesto fundacional expresaba a intención de “contribuir en la medida de nuestras
fuerzas a la extirpación del caciquismo”. Así, Fendetestas é algo máis que un
personaxe de ficción, é unha icona da loita fronte os caciques que abundaron no
rural galego durante a Restauración, esbozado a partires dos tópicos que rodean
ao bandoleiro xeneroso, que en Galicia tivo a Xan Quinto como figura
representativa. Valle-Inclán, nun breve relato incluído en Jardín Umbrío, narra a historia de Xan Quinto, nun capítulo no que
pretende roubar a un cura, pero a verborrea da vítima, que non se toma en serio
a actitude ameazante do ladrón, logra que aflore o espírito bondadoso no asaltante
e, finalmente, fracase na súa intención. Este conto garda evidentes
paralelismos coa estancia de O Bosque
animado na que a humanidade de Fendetestas vota por terra o atraco a Roque
Freire, o que nos leva a pensar que Fernández Flórez, na xestación do seu
personaxe, utilizara a figura lendaria de Xan Quinto.
Do mesmo xeito, Fendetestas
contará con outra derivación no personaxe de El malvado Carabel — novela de Fernández Flórez adaptada dobremente
ao cine por Edgar Neville no ano 1935 e Fernán-Gómez no ano 1956 —, un humilde empregado
de banca que, tras ser despedido, decide converterse en ladrón, ata que
descubre a súa incapacidade para roubar. En ambos casos, o escritor galego
constrúe un personaxe a partir desa pugna entre a súa honradez e a fachada
exterior, na que o instinto bondadoso logra someter as súas ínfulas de
bandoleiro. Na definición do personaxe cinematográfico xoga un importante papel
o tipo de interpretación que leva a cabo o actor Alfredo Landa. Trátase dunha
actuación moi visceral e histriónica que revela a forza do instinto que posúe o
personaxe, e que retrata a súa verdadeira natureza, a dun xornaleiro
caritativo.
Rafael Azcona utiliza para
materializar este debate interno o tabaco como elemento simbólico. Cando
Fendetestas vótase ao monte para levar unha vida de bandoleiro, reiteradamente
a película amosa a súa obsesión por procurarse cigarros, algo que non pode
facer porque a Garda Civil anda detrás del, e resulta perigoso achegarse ao
estanco para mercalos. Así o tabaco convértese no símbolo que expresa a
nostalxia de Fendetestas polo seu pasado apracible como xornaleiro. Cando quere
asaltar a casa do cura, manifesta novamente a súa inaptitude para delinquir, e
en vez de levar a cabo o roubo decide axudar aos criados da casa reitoral a
facer parir a unha vaca. O rostro de satisfacción de Fendetestas durante o
parto evidencia que, nese momento, o personaxe reconciliase coa súa vida,
aspecto que queda claro cando, ao tomar a primeira calada do puro que lle
ofrece a criada como agradecemento, exclama: “Isto é vida”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario