Quen subscribe
este artigo recoñece que no ano 2011, tras ollar a película de Nani Moretti Habemus Papam, interpretou o argumento
da mesma, un cardeal elixido Sumo Pontífice que renuncia ao seu papado polos
ataques de pánico que lle orixina a responsabilidade do seu cargo, como
resultado da visión paródica do director italiano e non como unha posibilidade
real. Tal era a miña ignorancia en materia de pontificados, e así quedou
demostrado cando o xa Papa Emérito Joseph Ratzinger anunciou publicamente a súa
renuncia. Moretti procurou achegarse á psicoloxía dunha persoa que, por moi
sagrada que sexa a súa labor non pode desprenderse da súa natureza humana.
A pesares da
proclividade do cine en abordar os argumentos bíblicos e relixiosos, a
representación do Papa na gran pantalla é máis ben escasa, sobre todo á hora de
interpretar un papel protagonista. Probablemente, a interpretación máis célebre
dun Sumo Pontífice correu a cargo de Anthony Quinn en As sandalias do pescador (The
shoes of the fisherman, 1968), dirixida por Michael Anderson a partires da
obra literaria de Morris West. Trátase dun Papa ficcional, é dicir, non está
baseado nun Pontífice real, de orixe ruso cuxo pontificado coincide coa etapa
máis tensa da Guerra Fría. As encarnacións reais deste tipo de personalidades
están expostas á polémica debido á susceptibilidade da Igrexa, por esta razón,
e como forma de eludir o enfrontamento, a industria cinematográfica procurou
retratar á figura abstracta antes que un Papa concreto, ou ben achegarse a Papas
históricos antes que a contemporáneos. É o caso de Rex Harrison, que no ano
1966, ás ordes de Carol Reed, interpretou a Xulio II en O tormento e o éxtases (The
agony and the ectasy), unha película baseada no best seller de Irving Stone que relata o enfrontamento entre Papa e
o artista Miguel Anxo (Charlton Heston), por mor das discrepancias orixinadas
polo encargo de pintar a Capela Sextina. Entre a historia e a lenda atópase a
figura da Papisa Xoana, a muller que ocultou o seu sexo e que liderou á Igrexa
de Roma no século IX e que foi adaptada ao cine en varias ocasións, como a que
dirixiu outra vez Michael Anderson no ano 1972, A Papisa Xoana (Pope Joan)
con Liv Ullman como protagonista principal, ou outra versión máis recente, unha
produción alemaña-británica-italiana-española a cargo do realizador xermano
Sönke Wortmann.
Estes
personaxes tampouco escapan aos argumentos de intriga política, o escándalo do Vaticanleaks é unha proba disto e quen
sabe se nun futuro será fonte de novas tramas literarias ou fílmicas. O Papa debe morrer (Peter Richardson,
1991) narra, en ton de comedia, a manipulación dun conclave por parte da mafia.
Tamén a terceira parte de O Padriño de
Francis Ford Coppola traslada as intrigas da familia Corleone ao Vaticano,
desta vez con Raff Vallone no papel de Pontífice. Máis recentemente, o
abrumador éxito de O código da Vinci de
Don Brown levou a Hollywood a adaptar outra novela do escritor, Anxos e demos, que gravita en torno as
loitas internas da Igrexa. Pola súa banda, o papel desempeñado polo Vaticano e
por Pío XII durante o holocausto foi reflectido de forma antagónica en dúas
longametraxes moi dispares. No ano 1983, Jerry London dirixiu Escarlata e negro, unha historia sobre o
esforzo dun sacerdote irlandés (Gregory Peck) por axudar a combatentes fronte a
ocupación nazi, mentres que Costantin Costa-Gavras, no ano 2001, rodaba Amen, sobre a pasividade dos países
occidentais e tamén do Vaticano fronte o xenocidio xudeu.
Menos
problemáticas resultou ser o biopic para
televisión que contou co beneplácito do Vaticano e de Benedicto XVI sobre a
figura de Xoán Pablo II, interpretado na súa xuventude por Cary Elwes e na
madurez por Jon Voight.

No hay comentarios:
Publicar un comentario