A partir do vindeiro nove de outubro,
poderemos ver de novo ao actor Carmelo Gómez, nado en Sahagún, León, emulando o
acento galego, como hai anos fixera no papel dun narco no filme Agallas (Andrés Luque Pérez e Samuel
Martín Mateos, 2009), desta vez para encarnar a Leo Caldas, o inspector
protagonista de La playa de los ahogados (Gerardo
Herrero, 2015), adaptación cinematográfica da novela negra do mesmo título escrita
por Domingo Villar, quen tamén participou na elaboración do guión. A devandita
novela supón a segunda entrega da saga protagonizada polo inspector galego tras
Ollos de auga e á espera da chegada de Cruces
de pedra ás librerías, a que será a súa terceira obra.
O xénero policíaco non se
caracterizou pola súa proliferación na literatura galega. Hai quen atopa a súa
xénese en Carlos G. Reigosa —Crime en
Compostela— nunha data, en termos históricos, moi recente: 1984. A razón
desta escaseza podémola atopar no embrión do propio xénero que nace a finais do
século XVIII, no período de consolidación do capitalismo tras o estalido e o
triunfo da revolución industrial. É entón cando as cidades comezan a
instaurarse como centros neurálxicos da vida contemporánea, un espazo na que a
burguesía vai consolidando o seu poder económico. Dito doutro modo, consolídase
o mundo urbano fronte ao rural. Coas cidades chegan tamén as forzas de orde
pública, o alumeado, as zonas
residenciais, é dicir, aspectos que
inciden na conquista por parte da clase burguesa dunha alta dose de seguridade.
Deste xeito, cando o muro que ampara esa sensación de seguridade semella
derrubarse, prodúcese un estado de ansiedade colectiva que reclama un proceso
destinado a restaurar a seguridade perdida. Desa convulsión que orixina un
crime acaecido nun ámbito a priori libre
de calquera perigo sacarán proveito os escritores da novela negra que buscaban
acaparar a atención do maior número de lectores posibles. De aí que a
literatura detectivesca clásica situase o asasinato na mansión dunha familia
adiñeirada —algo que segue a acontecer nas series televisivas herdeiras deste
xénero—, porque saben como nós que, por exemplo, un homicidio na casa dos
marqueses de Urquijo aínda hoxe en día estremece, mentres que un crime nas
favelas brasileiras probablemente nin sequera sexa investigado.
En definitiva, a novela negra é un
xénero cuxas coordenadas espaciais son eminentemente urbanas. Velaí que a súa
aparición na literatura galega, que case sempre se moveu nun ámbito rural,
tivera lugar en datas tan recentes. Con todo, pese a que A praia dos afogados estea ambientada na cidade de Vigo, a súa
localización concrétase sobre todo en pequenos núcleos periféricos que aínda
conservan a substancia rural. Hai unha especie de desprazamento urbano-rural
que, no ámbito cinematográfico, na mesma industria española, tamén levou a cabo
Alberto Rodríguez con acerto en La isla
mínima. Por esta razón, a transposición cinematográfica, abofé, utilizará o
espazo rural-mariñeiro como un elemento capital da trama, capaz de matizar á
acción, aos personaxes e ás verbas.
Ademais, a intromisión no rural
galego supón toparse de fociños coa superstición galaica, todo un reto para
calquera investigador que, á forza, está obrigado a facer uso do racionalismo á
hora de esclarecer o crime. Unha das
grandes virtudes de Domingo Villar consiste, precisamente, en sacar partido do
arraigo que ten en Galicia a visión sobrenatural dos feitos e mesturalo co
proceso racional que se leva a cabo durante a investigación. Neste punto, acada
un valor adicional a figura do axudante de Leo Caldas, Rafael Estévez
(interpretado na película polo actor Antonio Garrido), natural de Aragón, que
supón unha óptica distanciadora respecto dos tópicos que atangue á forma de ser
e de padecer dos galegos.

No hay comentarios:
Publicar un comentario