viernes, 8 de febrero de 2013

Faro da cultura. Os musicais no cine.


No ano 1927, os espectadores que acudiron as salas de cine para gozar cunha película titulada O cantor de jazz (Alan Crosland) presenciaron abraiados un fito histórico: o actor Al Jonson dirixiuse a eles e exclamou: “Agarden un momento, aínda non oíron nada. Queren oír “Toot Toot Tootsie”? Nacía entón o cine sonoro, e, por conseguinte, o cine musical. A novidade do son provocou unha marea de longametraxes musicais que acabou por aborrecer ao público, ata o punto de que no ano 1930 algunhas salas, para atraer aos espectadores, anunciaban que a película que estaban a pasar non era un musical. Existía unha sobreprodución de títulos mediocres e faltos de interese, ata que no ano 1933 produciuse unha renovación grazas a 42nd Street da Warner, dirixida por Lloyd Bacon, coas coreografías supervisadas por Busby Berkeley e coa aparición de Ginger Rogers. Baixo este modelo, a Warner produciría ese mesmo ano dúas cintas musicais de notable éxito: Gold Diggers of 1933 e Remember my forgotten man. A outra circunstancia que revitalizou o xénero musical foi o debut de Fred Astaire en Dancing Lady, onde baila con Joan Crawford e Ginger Rogers. Durante toda a década dos corenta, o xénero estivo dominado pola parella Astaire-Rogers para a RKO e as coreografías de Berkeley na Warner.

Nos anos corenta produciuse unha nova revolución a mans de Arthur Freed, produtor da MGM, que acertou á hora de contratar a grandes talentos. No ano 1940, Vicente Minelli chega ao estudio para realizar Cabin in the Sky e dous anos despois Gene Kelly debutaba na pantalla xunto a Judy Garland en For me and my gal. En Brodway continuou pescando a MGM máis talentos como o bailarín e coreógrafo Charles Walters ou os letristas Betty Comden e Adolph Green, que escribirían os guións de Un vía en New York, Cantando baixo a chuvia e Melodías de Broadway. Deste xeito, a MGM especializouse no xénero, e no ano 1943, de trinta e tres películas producidas, oito eran musicais. Os anos corenta e cincuenta serían os da idade dourada do xénero, pero a desaparición do Sistema de Estudios foi a principal causa da súa agonía, que practicamente cerra o seu esplendor cunha obra mestra como West side story, dirixida no ano 1961 por Robert Wise e Jerome Robbins como coreógrafo.
A partir de entón, o xénero unicamente amosou fulgores illados, pero sempre como propostas individuais que non dependían dun proxecto sistemático e global dos estudios, con títulos como Cabaret (Bob Fosse, 1972), Jesus Christ Superstar (1971, Norman Jewison), Febre do sábado noite (John Badham, 1977) ou Grease (Randal Kleiser, 1978).


No caso do cine español, o xénero musical viviu os seus anos de esplendor durante o período republicano, directores e produtores seguían un esquema de éxito probado nos musicais hollywoodienses ao que lle engadían o sustrato dunhas tradicións escénicas e musicais autóctonas, desde a zarzuela ata toda a rica variedade do folclore andaluz. Exemplos deste apoxeo son películas como La verbena de la paloma (Benito Perojo, 1935), Morena clara (Florián Rey, 1936), El bailarín y el trabajador (Luis Marquina, 1936) ou El gato montés (Rosario Pi, 1936), películas que orixinaron un star system español formado por estrelas deste xénero como Angelillo, Imperio Argentina, Estrellita Castro, Miguel Ligero, etc. Neste período asentáronse unhas bases que perdurarían durante a década dos corenta, xa con Franco no poder, por moito que ao Réxime emprendese unha cruzada fronte os parámetros culturais herdeiros da República e nunca fora compracente con ese cine folclórico onde a plebe asumía un protagonismo colectivo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario