viernes, 1 de febrero de 2013

Faro da cultura. Actrices de Hitchcock


Non houbo na historia do cine un director que incitase o sentimento voyeur no espectador tanto como o chegou facer Alfred Hitchcock. Recorden os lectores, simplemente a modo de exemplo, a secuencia inicial de Psycho na que a partires dun plano xeral vamos achegándonos gradualmente ao interior dun hostal onde unha parella acaba de consumar un acto sexual extramatrimonial, ou tamén o personaxe interpretado por James Stewart en Rear window (1954) que espiaba a todo a súa veciñanza nos seus cometidos cotiás. O modelo de intérprete feminina ideal para Hitchcock viña marcado por esta noción voyeur, tal e como deducimos das súas verbas pronunciadas a François Truffaut cando afirmaba que el buscaba mulleres de mundo, elegantes, auténticas damas que se converten en prostitutas no dormitorio. É dicir, cando contempla a unha muller en todo o seu esplendor físico e ataviado cun vestiario de alta costura, a súa mente introdúcese na intimidade espacial da dama para poder contemplala núa. Por iso, cando Anthony Perkins (Norman Bates en Psycho), espía a través dun buraco na parede á súa nova inquinila do hostal (Janeth Leigh), en realidade está a escenificar algo que Hitchcock e o resto de espectadores facemos mentalmente con todas as actrices da súa filmografía.

                Unha das secuencias con maior carga erótica de todo o cine de Hitchcock —visualmente decoroso, pero conceptualmente sicalíptico—, atopámola en Atrapa a un ladrón (To catch a thief, 1955), cando Grace Kelly, con ese aire clásico e sofisticado, bica nos beizos a Cary Grant na porta da súa habitación do hotel, nun xesto sorprendente, porque ningún espectador agardaba esa sinceridade sexual nun rostro tan anxelical. Precisamente, Grace Kelly foi, xunto con Ingrid Bergman, unha das dúas actrices “fetiche” que mellor representaban ese estereotipo. Antes do seu casamento con Raniero III de Mónaco en 1956, Grace Kelly protagonizou, ademais de To catch a thief, Crime perfecto (Dial M for murder, 1954) e A ventá indiscreta (Rear window, 1954). A prematura retirada de Grace Kelly despois de converterse en princesa de Mónaco, viu a reproducir o “escándalo” de Ingrid Bergman (Spellbound, 1945; Notorius, 1946; Under Capricorn, 1949) con Roberto Rossellini, obrigada a abandonar Estados Unidos, ao seu marido e á súa filla, despois de quedar embarazada do director italiano. Dúas historias cheas de paixón arrebatan a Hitchcock ás súas actrices louras. Comezou entón unha busca doutra actriz que lograse resucitar esa imaxe ideal que tiña en mente. Intentouno con Vera Miles, Doris Day, Janeth Leigh, Tippi Hedren ou Kim Novak. Precisamente, o papel que Kim Novak encarna en Vértigo, pode funcionar como metáfora dese intento por resucitar a muller que encarnase ese ideal perdido en dous ocasións. 


A trama de Vértigo narra a historia dun home (James Stewart) vítima dun engano, que se cre responsable da morte da súa amada. Cando se atopa cunha muller moi semellante á falecida —en realidade son a mesma persoa pero el non o sabe— intenta por todos os medios someter a esa muller a unha serie de cambios físicos para buscar un parecido total coa súa amada, como pode ser o vestiario ou o cabelo, que, obviamente, tinxe de louro. Pero a recuperación dese obxecto de desexo non é posible, porque unha vez máis, aínda que desta vez de verdade, volve perdela. Dalgún xeito, a obsesión de James Stewart por recuperar unha imaxe feminina, pódese equiparar á busca por parte de Hitchcock dunha nova actriz que viñese a encher o oco deixado por Ingrid Bergman e Grace Kelly, o que deparou un estado de frustración que, segundo contou máis dunha vez Tippi Hedren, converteron as rodaxes das súas películas en calvarios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario