lunes, 17 de septiembre de 2012

Faro da cultura. Alfred Hitchcock silente


Cando Al Jonson, o intérprete de The jazz Singer (Alan Crossland, 1927), conmoveu aos espectadores que por primeira vez escoitaron a un personaxe falar desde unha pantalla, o cine xa acadara unha madurez narrativa e visual baseada na forza comunicativa da imaxe como canal prioritario de comunicación, complementado polo uso de títulos, aínda que non debemos esquecer, por exemplo, que O último (Der Letzte Mann, 1924) de Murnau non contaba con ningún título. Para moitos directores que acadaron a consagración universal no cine sonoro, o bagaxe expresivo que acadaron grazas aos seus inicios na etapa muda onde, por obriga, tiveron que aprender a rendibilizar a forza expresiva da imaxe, supuxo unha excelencia que algúns, non todos, xestionaron con abraiante talento. Alfred Hitchcock é sen dúbida un deses casos. Na súa filmografía sonora podemos atopar máis dunha mostra do emprego maxistral de imaxes sen audio. Por exemplo, a secuencia de Torn Curtain (1966) na que o personaxe de Gromek é asasinado na granxa, ou a escena de The birds (1963) na que a nai de Melania Daniels emite un berro mudo cando descobre o cadáver sen ollos dun veciño, ambas rodadas sen música nin diálogos, acadan un realismo descarnado.

                O primeiro oficio que desempeñou Hitchcock coincidiu co desembarco da Paramount en Londres a través da sociedade “Famous Players-Lasky”, para quen traballou no deseño de dos intertítulos das súas películas. En pouco tempo pasou a desempeñar primeiro a labor de axudante de dirección e posteriormente como guionista para o produtor Michael Balcon, con quen debutou en Woman to woman, dirixida polo realizador Graham Cutts. Este trío repetiríase en catro ocasións máis, ata que no ano 1925 Hitchcock dirixiu o seu primeiro film: The pleasure garden, baseado nunha novela de Oliver Sandys. Nesta súa primeira obra xa se adiviñan algún avances do que serán constantes temáticas da súa filmografía, como o “voyeurismo” e a tensión psicolóxica das persecucións. O produtor Michael Balcon quedou sobradamente compracido trala proxección privada, e ofreceu ao debutante a posibilidade de rodar outras catro proxectos máis. Entre estes proxectos destaca The lodger (1926), o primeiro gran film de Hitchcock, no que adapta unha novela de misterio de Marie Adelaide Lowndes sobre os crimes cometidos por Jack o Destripador en Londres. O éxito desta película sitúano definitivamente entre os nomes máis destacados do cine británico e inmediatamente é chamado pola British International Pictures de John Maxwell, para dirixir máis de 10 fitas ata a chegada do cine sonoro. The ring (1927) é unha historia de boxeadores namorados da mesma muller escrita polo propio Hitchcock e pola súa dona Alma Reville, na que se poden observar certas influencias do cine alemán da época. A coidada simetría do guión, sumada á habilidade de utilizar medios estritamente visuais para narrar a historia levaron a boa parte da prensa especializada inglesa a calificar The ring como a película inglesa máis magnífica rodada xamais. Os acertos visuais son múltiples, como por exemplo a secuencia na que despois dun combate celébrase unha festa pola noite onde énchense as copas de champán que burbullen durante o brinde á protagonista, pero cando o público advirte que ela non está presente porque  desapareceu con outro home o champán xa non burbulle. Blackmail (1929) é, aínda que con certos matices, a primeira película sonora de Alfred Hitchcock. Con matices porque, do mesmo xeito que a outras películas británicas por aqueles anos, a produtora solicita a Hitchcock que incorpore un último rollo con diálogos. Porén, o director, previndo o impulso que tería o cine sonoro, rodou boa parte da tomas nos dous sistemas, e engadiu diálogos e efectos sonoros a moitas máis escenas das requeridas nun principio. Nas salas comerciais non adaptadas ao sonoro exhiben a versión muda, mentres que a versión falada ofrece unha combinación de son directo e postsincronización.
                A portentosa carreira posterior de Alfred Hitchcock xa foi contada máis dunha vez sen escatimar eloxios, pero quizais a súa figura como director de cine sonoro imposibilitou moitas veces expresar con xustiza o enorme interese do seu cine mudo. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario