Con frecuencia, os historiadores
cinematográficos califican o período republicano como a época dourada do cine
español. Por primeira vez na súa historia, a cinematografía hispana acadou as cotas
máis altas de popularidade grazas a hibridación dunha serie de compoñentes
provintes da tradición escénica e iconográfica española (o sainete, o entroido,
a comedia costumista, a zarzuela, o xénero chico, a picaresca, o esperpento, etc) con outros
elementos da cultura popular (a copla, o cante jondo, o folletín, a novela
sentimental,…) e con outros aspectos importadas da cinematografía hexemónica
naqueles momentos, a provinte de Hollywood. Como resultado deste proceso, entre
os anos 1935 e 1936, o cine español colectou éxitos sen precedentes con títulos
como Rumbo al cairo (Benito Perojo,
1935), Don Quintín el amargao (Luis
Marquina, 1935), Nobleza baturra (Florián
Rey, 1935), La verbena de la Paloma (Benito
Perojo, 1935), La hija de Juan Simón (José
Luis Sáenz de Heredia, 1935), Morena
Clara (Florián Rey, 1936), e El
bailarín y el trabajador (Luis Marquina, 1936).
Durante
os anos da II República naceron tamén dúas das produtoras máis importantes da
historia do cine nacional. Unha foi CIFESA (Compañía Industrial Film Española
S.A.), que foi constituida en Valencia o 15 de marzo de 1932 e que despois duns
anos como empresa distribuidora lanzouse á produción con La hermana de San Sulpicio (Florián Rey, 1934), emprendendo así
unha traxectoria exitosa que a convertería na primeira produtora do país. A
segunda produtora emblemática do período republicano é Filmófono, e nace para
situarse nunha posición ideolóxica moito máis progresista que CIFESA. Nace en
1935 e morre co estalido da Guerra Civil, de aí que a perspectiva histórica
estableza un estreito vínculo entre Filmófono e a República, non só pola
coincidencia cronolóxica, senón, e máis importante, como deixou escrito o
historiador Julio Pérez Perucha, pola relectura moderna e progresista de certos
temas tradicionais da cultura popular española. Fundado por Ricardo Urgoiti,
representante da burguesía liberal vasca, Filmófono contou cun equipo formado
por Luis Buñuel como produtor executivo e guionista, o escritor Eduardo Ugarte,
o operador José María Beltrán, o músico Fernando Remacha, e Enrique Herreros
como responsable de publicidade. Aínda que este grupo de persoas soamente
chegou a poñer en pé catro títulos, aportaron un cine capaz de manterse con
soltura en taquilla, grazas a unha base argumental na que as clases populares e
a burguesía media e pequena (perfil do Frente Popular) puideran recoñecerse.
Certo
é que as circunstancias políticas favoreceron o desenrolo desta industria: a
proclamación da II República abriu un panorama democrático que lle permitiu
conectar cun público potencial urbano; as versións sonoras internacionais
funcionaron de escola para moitos técnicos e artistas que ampliaron o seu
coñecemento en produtoras extranxeiras; a subida do nazismo ao poder provocou a
chegada de varios profesionais que importaron novos e máis avanzados modelos de
traballo. Todos estes condicionantes, sumados ás conformacións estéticas antes
citadas, asentarán unhas bases sólidas para a conformación dunha industria que,
incluso, empezaba a configurar un sistema de stars ao estilo hollywoodiense, con actores como Imperio Argentina,
Rosita Díaz Gimeno, Antoñita Colomé, Roberto Rey, Miguel Ligero, Ricardo Núñez,
etc.
Xurde
entón unha interrogante ¿Cine republicano ou cine durante a República?
Loxicamente non todo o cine realizado durante estes anos é cine republicano,
entendido este como unha transposicións a imaxes dos valores e principios que
naceron o 14 de abril de 1931. Neste senso, o historiador Juan Miguel Company
sinala a un filme de Ramón Biadiu, La
ruta de Don Quijote, como o mellor representante do cine republicano. A
película de Biadiu utiliza un texto emblemático para facer visible a realidade
das xentes traballadoras de toda España que, por primeira vez, tiñan a
posibilidade de guiar o seu propio destino, ilustrando así o primeiro artigo da
Constitución de 1931: “España é unha República democrática de traballadores de
todas as clases”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario