lunes, 24 de septiembre de 2012

Faro da cultura. Cine e guerra da independencia


Unha vez finalizada a Guerra Civil, o estado franquista puxo en marcha unha xigantesca maquinaria propagandística, a través de todos os medios de comunicación, para intentar dar lexitimidade a un Réxime que naceu dun alzamento militar e que derrocou polas armas a legalidade republicana. No que se refire á industria cinematográfica, a Guerra da Independencia contra os invasores franceses ofrece unha posibilidade inmellorable de realzar o sentimento nacionalista que o novo estado buscou avivar ata o paroxismo. Así, o cine histórico que precedeu á Guerra Civil buscou, co apoio entusiasta e interesado da administración, proxectar unha mirada cara un pasado glorioso (a época colonial ou a resistencia contra a invasión francesa), coa intención de construír unha relectura interesada, en sintonía coa concepción histórica do réxime. 

Agora ben, existe moita dificultade para outorgar un sentido unívoco aos acontecementos da Guerra da Independencia, de tal xeito que, mentres a mentalidade franquista rendibilizaba o sentimento nacionalista que emanou dunha loita contra un exército estranxeiro e os inimigos internos (afrancesados), non foron poucas as referencias que varios líderes republicanos facían da mesma contenda durante a Guerra Civil. Por exemplo, Pasionaria, utilizou en varias ocasións o símil do levantamento do pobo madrileño fronte as tropas napoleónicas en maio de 1808, para identificalo coa defensa de Madrid fronte o avance do exército franquista. Baixo este prisma, pode resultar sorprendente como no film de Rafael Gil Aventuras de Juan Lucas (1949), atopamos un personaxe interpretado por Julia Caba que garda inconfundibles analoxías coa propia Dolores Ibárruri, sobre todo nunha secuencia na que demostra o seu liderado á hora de arengar aos bandoleiros para que combatan as tropas francesas con gallardía. Na redundancia da mesma tese, como pode ser interpretado na década dos corenta, nos anos de maior resistencia maqui, as imaxes de bandoleiros que se agochan nas montañas para, por medio da guerra de guerrillas, fustrigar a un exército? En ocasións, incluso, existe o risco de que o relato subverta a intención ideolóxica que orixinalmente procurou plasmar o seu autor. Pode ser este o caso de Lola la piconera, dirixida por Luis Lucia no ano 1951 e interpretada por Juanita Reina, a partires da obra teatral “Cuando las Cortes de Cádiz” do autor conservador José María Pemán. Cando foi estreada a obra de teatro, o cronista Cruz Salido falaba da mesma como un canto á liberdade, a pesar dos freos do autor. Naturalmente ese aspecto repercute tamén na versión fílmica, na que sorprende comprobar como acaba impoñéndose unha formulación universalista que anhela un mundo no que as fronteiras sexan eliminadas, e non existan diferenciacións de raza ou nacionalidade. Do mesmo modo, o protagonismo feminino en Agustina de Aragón (Juan de Orduña, 1950), interpretada por Aurora Bautista, Venta de Vargas (Enrique Cahen Saalaberry, 1958), con Lola Flores, ou a xa mencionada Lola, la piconera, dista moito da concepción machista sobre a muller que a administración daquela época intentou impoñer, como unha figura pasiva destinada a cumprir con servidume a súa función de repouso do guerreiro.
                Outra das dificultades para conxugar a busca dun cine que representase os postulados do réxime franquista coa temática da Guerra da Independencia atópase no ámbito formal e estético do xénero cinematográfico estético. Por moito que a crítica oficial procurase enaltecer variables como o valor do heroe individual, a reafirmación da unidade da patria, o maniqueísmo na consideración do outro cono inimigo, a vontade de acumular acontecementos decisivos, etc.,  finalmente, os nosos cineastas buscaron manter os lazos coas tradicións populares (musical, folclore, melodrama, aventura, …), algo que desgustaba moito a certos sectores do Réxime, que aprecian neste tipo de aderezos que singularizan o cine histórico a pegada do cine da República, é dicir, un cine onde prolifera o “populacho”, con certas doses de crítica social e perigosamente frentepopulista. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario