Galardoado co
Premio Príncipe de Asturias deste ano 2013, Antonio Muñoz (Úbeda, 1956) ven a
ser para unha ampla esfera da crítica, un dos escritores en lingua castelá máis
recoñecidos e prestixiosos no panorama literario universal. Desde a publicación
da súa primeira novela, Beatus Ille (1986), ata a última, La noche de los tiempos (2009), o escritor manifesta unha evolución
ideolóxica que parte dun posicionamento marxista ata acadar un pensamento socialdemócrata
de inspiración “orwelliana” baseado nun principio de reflexión crítica que o
mantén a salvo das influencias e presións grupais, aínda que en ocasións esta
actitude o sitúe nunha zona de ninguén, nun territorio de automarxinación
respecto das opinións xeneralizadas e automatizadas. Non é casual, por tanto,
que os seus personaxes literarios teñan problemas de integración no contexto
social no que se moven —Sefarad supón
o exemplo máis emblemático desa poética da exclusión que trata nos seus textos—,
retratados mediante unha forte focalización que profunda na súa interioridade
psicolóxica, na liña dos heroes ou antiheroes da novela negra, seres solitarios
e illados das normas sociais.
Este
achegamento á esencia dos personaxes da novela negra vai estar moi presente na
súa obra, tamén naquelas outras novelas que non se axustan explicitamente ás
pautas deste xénero (Carlota Fainberg,
En ausencia de Blanca). Curiosamente,
as tres novelas de Antonio Muñoz Molina adaptadas á gran pantalla teñen en
común a súa pertenza ao xénero negro. Tres transposicións que levantaron no
escritor diversas reaccións. Sobre El
invierno en Lisboa (1991),
coprodución hispano-franco-portuguesa dirixida por José A. Zorilla e que
foi un fracaso de crítica e público, o autor amosou a súa insatisfacción.
Mentres, no caso de Beltenebros (1991)
de Pilar Miró, coa colaboración de Mario Camus e Juan Antonio Porto no guión,
Muñoz Molina exprésase en termos reticentes cando define o filme de sólido e
sombrío, aínda que algo xélido. A luz que imprime Javier Aguirresarobe ao
longametraxe, galardoado cun Goya e un Oso de Prata á mellor fotografía, dálle un valor engadido de atmosfera escura á
unha historia de espionaxe e vinganza que ten lugar no Madrid da época
franquista. A fotografía de Beltenebros abastécese
directamente da influencia da estética do cine negro americano dos anos
corenta, con escenas predominantemente nocturnas e unha iluminación parcial,
indirecta e ameazadora, complementada pola profundidade de campo. No ano 2000,
Imanol Uribe rodou Plenilunio, con
guión de Elvira Lindo, esposa do escritor, quen tamén participou no reparto cun
pequeno papel. A película narra a historia dun policía que chega a unha pequena
cidade de provincias para capturar a un asasino e violador de mozas. Nesta
ocasión, Muñoz Molina amósase moito máis compracido co resultado final da
película que el cualifica de soberana e orixinal, aínda que nin público nin
crítica estiveran dacordo coas súas verbas.
Hai un aspecto
melodramático en todas estas novelas e as súas adaptacións que se desprende da
soidade dos seus personaxes, pero tamén dun tratamento temporal na que o pasado
semella ter un peso opresor sobre o presente, como unha ferida que non é capaz
de cicatrizar na conciencia ou na alma do protagonista, de aí a preponderancia
do escritor polas tramas dobres que se sitúan en contextos temporais
diferentes. Ese pasado opresor é outra das normas máis salientables da estética
do cine negro, con personaxes que se saben condenados por uns acontecementos
anteriores, cuxo peso gravita sobre eles e que saben que irremediablemente
tarde ou cedo acabará por sometelos, como sucede co protagonista de Plenilunio.

No hay comentarios:
Publicar un comentario