Imaxinen por un intre que a
novela máis vendida nas librerías durante o ano 2012 estivera libre de dereitos
de autor; cantas produtoras cinematográficas cren que se lanzarían ansiosas á
súa transposición a pantalla? Abride o arco temporal, e pensade agora no libro
máis vendido de todos os tempos, e que estea tamén exento do pago dun canon
pola súa autoría; o resultado é a obra escrita máis adaptada ao cine cunha
supremacía indiscutible. Para o ano 2014, está prevista a estrea dunha nova versión
da pasaxe do diluvio universal, con Rusell Crowe no papel de Noé baixo a
dirección de Darren Aranofsky (Cines negro).
Nunha industria como a que se atopa afincada no val de Hollywood, abofé que os
motivos crematísticos abondarían para xustificar a perpetua revisitación
cinematográfica aos textos bíblicos, pero existen outras razóns algo menos
tanxibles que se remontan á orixe do cine como arte.
Poucos anos despois da exhibición
pública dos irmáns Lumière, mentres o cine andaba na procura dunha linguaxe
propia capaz de atraer á mirada dun espectador demasiado afeito á narrativa
teatral, os temas bíblicos supuxeron unha importante fonte de argumentos
fílmicos. Varios motivos explican o éxito destes temas nos inicios do cine,
pero entre todos eles resalta o feito de que estas historias foran
universalmente coñecidas polo público occidental, con cal proporcionaban un
apoio intertextual ao público que lles permitía unha comprensión da historia
moito máis asumible. Todas as versións da Paixón filmadas entre 1897 e 1907
consisten nunha sucesión de cadros viventes, precedidos polo título do cadro
—chegada a Xerusalén, ultima cea, captura no monte dos olivos, etc.—, o cal
facilitaba a fluidez da narración xa que non tiñan que recorrir aos carteis
gráficos con tanta insistencia. O coñecemento da historia que posuía un
espectador occidental, sexa ou non sexa crente, permitíalle establecer unha
concatenación de secuencias, establecendo un sentido narrativo que non tería un
espectador sen coñecementos básicos da relixión cristiá. Se queremos facer un
paralelismo con outra arte muda, non temos máis que adentrarnos en calquera
templo cristiá e contemplar os cadros ou baixorrelevos das paredes que,
seguindo unha orde ineludible, escenifican as distintas pasaxes da Paixón. É
dicir, antes incluso de que a relación sintáctica puidera instituírse no cine
de ficción, a historia da Paixón de Cristo fundou o principio de linealidade
narrativa. Agora ben, esta secuencialización non provén de elementos
intrínsecos á imaxe, senón que procede dun esquema anterior que o espectador
educado na cultura cristiá estampa no filme asumindo un comportamento activo
como espectador interpretativo.
Este xénero empeza no ano 1897
cos Lumière, con trece cadros de La vie
et la Passion de Jésus-Christ, baixo a dirección de George Hatot. Despois
seguiría a compañía Pathé con tres fitas en dez anos. Pero o interese polos
temas bíblicos non se limita unicamente ao relato da Paixón, senón que tamén o
Antigo Testamento aportou numerosa materia prima para a súa representación
cinematográfica: La vide Moïse (Pathé,
1905), Salome (Vitagraph, 1908), Saul and David (Vitagraph, 1909), Judith et Holopherne (Gaumont, 1910), Judith of Bethulia (David W. Griffith,
1914).
A contextualización nun pretérito
sitúa a estas películas nun espazo fronteirizo co cine histórico de onde, co
paso dos anos, van agromar relatos que deixan os temas bíblicos en segundo
plano, como tea de fondo dunha historia principal. É o caso, por exemplo, das
dúas versións de Quo Vadis? de 1913 e
1951, segundo a obra de literaria de Henryk Sienkiewicz, ou as dúas tamén de Ben-Hur dos anos 1925 e 1959 a partires
dun texto de Lewis Wallace.

No hay comentarios:
Publicar un comentario