Aínda que semelle ter acontecido
onte, fai xa dezaseis anos que Manuel Rivas facía visible a súa figura
literaria a nivel estatal grazas ao Premio Nacional de Narrativa polo seu libro
de contos Que me queres amor?, tres
dos cales foron adaptados e ganduxados nun mesmo fío narrativo para dar forma á
versión cinematográfica dirixida por José Luis Cuerda. Máis dunha década
despois, ambos creadores volven coincidir na procura da mesma aprobación
popular acadada con A lingua das
bolboretas, desta vez a partires da novela Todo é silencio, que narra o xurdimento do narcotráfico en Galicia
durante os anos setenta e oitenta.
Porén, mentres no proxecto anterior o
talento de Rafael Azcona na elaboración do guión permitiu a construción dunha
estrutura narrativa compacta, a pesares de partir de tres relatos distintos, e
a confección duns diálogos acertados e, sobre todo, cribles, neste último
traballo, no que o propio Manuel Rivas é o autor do guión, vótase en falta un
exercicio equilibrado de adaptación, é dicir, esa operación que consiste en
describir con palabras as imaxes que logo darán lugar a planos, secuencias e,
en última instancia, un film completo. Alén do concepto persoal que o autor
deste artigo poida ter sobre a literatura de Rivas —en moi alta estima no que
se refire aos contos e algo menos entusiasta cando estamos a falar das novelas—
a súa incursión na escritura do guión baseado nunha obra propia non pode ser
máis decepcionante, por unha razón básica: polo excesivo respecto que amosa á
obra literaria orixinal, por outra parte comprensible ao tratarse dunha obra
súa. Se os movementos de vangardas son, en termos metafóricos, parricidios que
intentan crear novas formas de expresións sobras as cinzas das formas
utilizados polos antepasados, as adaptacións cinematográficas levadas a cabo
polos mesmos autores dos textos literarios deben ser filicidios. É dicir,
abordar un texto literario para á súa transposición cinematográfica esixe un
exercicio desacralización, reinterpretación e reelaboración; esta operación
pasa, en moitas ocasións, por unha redución espacial e concentración temporal.
Adaptar non consiste en converter unha cousa noutra semellante, adaptar
consiste en construír unha obra nova.
Manuel Rivas semella agarrotado
polo amor que sinte polo seu fillo, é dicir, a súa creación literaria, e opta
por elaborar un guión demasiado pegado ao texto, cun exceso de literalidade que
derivan nuns diálogos con ínfulas shakesperianas e cunha estrutura irregular e
discontinua, establecida a partires de cadros moitos deles prescindibles e que
configuran unha narración carente de ritmo. Cando os diálogos resultan
demasiado artificiais como é o caso, os personaxes non conversan entre eles,
senón que semellan falar directamente co público, igual que un recitado lírico
enriba dunha tribuna, como ven a demostra a cantidade de ocasións nas que os
personaxes clavan á vista ao infinito mentres pronuncian a súa frase lapidaria.
Esta artificialidade dos diálogos dificulta a labor dos actores que, agás Celia
Freijeiro, probablemente o factor máis gratificante da longametraxe, manifestan
unha incomodidade que logo se plasma na pantalla e afecta á credibilidade das
actuacións.
Se o guión nace tollido, pouco se
pode facer coas imaxes para arranxalo, sobre todo cando estas, como é o caso de
Todo é silencio, xogan un papel meramente ilustrativo sen
grandes pretensións semánticas alén da superficialidade da descrición textual.
Pouco traballa tamén a ambientación cara a credibilidade da historia, sobre
todo cando nunha das secuencias filmadas nun campo de fútbol de categoría
rexional, os protagonistas pasean e conversan sobre un terreo de xogo de herba
artificial, nun marco temporal situado nos principios dos anos oitenta.

a lingua das bolboretas a partir de todo e silencio?, non creo, a película e anterior
ResponderEliminar"Máis dunha década despois, ambos creadores volven coincidir na procura da mesma aprobación popular acadada con A lingua das bolboretas, desta vez a partires da novela Todo é silencio,..."
EliminarAs comas son moi importantes para a comprensión dos textos. Moitas grazas por ler o artigo e polo teu comentario.