Na década dos anos 50, a
industria cinematográfica comezou a sufrir o síndrome do príncipe destronado
por mor do avance da televisión, ese espectáculo caseiro que lle roubaba
espectadores de xeito fulminante. Para loitar contra o invasor, o cine procurou
ofertar algo que non podía dar a televisión, e así naceu no ano 1953 A túnica sagrada (The robe) de Henry
Koster, a primeira película en Cinemascope, producida pola Fox, e que
proxectaba imaxes descomprimidas sobre unha pantalla panorámica cóncava de
proporción 1-2’55, en substitución do formato clásico de 1-1’33. Non foi esta a
única ofensiva lanzada polo cine fronte á televisión, pero si a que maior
consolidación obtivo.
Outra das
armas empregadas para recuperar o espazo perdido, foi un sistema que superpoñía
dúas imaxes na pantalla (unha para cada ollo) e que mediante unhas gafas con
vidros polarizados, que seleccionaba unha imaxe para cada ollo, restituía a
visión binocular, que ven sendo o fundamento da percepción tridimensional. É o
coñecido como sistema 3-D, que no ano 1952 foi utilizado polo produtor
independente Arch Oboler para realizar Bwana,
the devil, unha película de aventuras ambientada na xungla que pulverizou
os rexistros de ingresos cando foi estreada. Como soe suceder nestes casos, o
éxito desta cinta deparou unha febre polo 3-D á que non tardaron de sumarse os
grandes estudos. Warner Brothers foi o primeiro en facerse coa licencia deste
sistema, e lanzouse na produción de Os
crimes do museo de cera (House of wax,
André de Toth, 1953), remake dun título dirixido, tamén para a Warner, por
Michael Curtiz no ano 1933. Detrás
foron films como Wings of the Hawk (Budd
Boetticher, 1953), It came from outer
space (Jack Arnold, 1953), ou The
french line (Lloyd Bacon, 1953), todas elas en 3-D. Pero o ímpeto
inicial foise apagando despois de que a Fox, con A túnica sagrada, acadara a espectacularidade cun sistema que
evitaba as incómodas gafas.
Tras un tímido
intento, a principios dos anos oitenta, de recuperar as posibilidades do
sistema en 3-D, nos últimos anos a industria cinematográfica volve a ter que
facer fronte a un novo inimigo, neste caso a piratería auspiciada polas novas
tecnoloxías e os novos sistemas de comunicación. De volta, o cine ten que
ofrecer algo que só se pode ver nunha sala de exhibición e que, polo tanto, non
poida ser descargado por internet. Desta vez, o sistema 3-D chega reforzado
pola simplificación do seu procedemento. O éxito apabullante de Avatar (James Cameron, 2009) pode
significar o impulso definitivo do 3-D que nos últimos tempos vai escalando
postos de privilexio no espectáculo de masas, grazas a títulos do xénero
infantil como Os mundos de Coraline, Conto de Nadal, Ice Age 3, Monstruos contra Alieníxenas, etc. Se a
razón deste renacemento do 3-D responde a un imperativo económico, a orixe
podémola atopar no documental de James Cameron Ghosts of the Abyss (2003), sobre as ruínas do Titanic afundidas no
océano. Foi a primeira experiencia de James Cameron co 3-D, na que tamén facía
uso da infografía, técnicas que se fusionarían anos despois en Avatar.
Aínda é cedo
para especular sobre as modificación da linguaxe que o sistema 3-D pode operar no
cine. Pero xa nos anos cincuenta, teóricos e historiadores, puxeron de moda os
termos expulsión e inmersión. O primeiro deles fai
referencia aos efectos que simulan unha invasión dun personaxe ou dun obxecto
no espazo pertencente ao espectador, por exemplo, un obxecto punzante que
apunta cámara e semella ameazar as persoas sentadas no patio de butacas. Moitos
críticos, sobre todo en Hollywood, rexeitan este efecto porque supón un ataque
frontal aos postulados da linguaxe clásica, baseada na transparencia da
instancia narrativa. Por outro lado, a inmersión extende a profundidade do
espazo dun xeito moi similar á posta en forma practicada por Orson Welles e
William Wyler grazas á fotografía de Gregg Toland, e polo tanto supón unha
asimilación do sistema 3-D por parte do Modelo de Representación Institucional
instaurado en Hollywood desde a irrupción de David W. Griffith.
No hay comentarios:
Publicar un comentario