martes, 13 de noviembre de 2012

Faro da cultura. Escritores de cine.


Durante as primeiras décadas de existencia do cinematógrafo, a postura que en termos xerais mantivo o gremio de escritores cara esta “atracción de feria” foi, con algunha que outra excepción que non viña máis que a confirmar a regra, bastante displicente. As imaxes que se proxectaban sobre unha parede branca atraía maioritariamente a un público de clase baixa, fronte a un target intelectualmente moito máis preparado que enchía as plateas dos teatros. A pesares do intento do Film d’art por enaltecer o valor artístico do cine, este sempre foi considerado un arte menor respecto ás artes tradicionais, e, en consecuencia, unha compañía pouco recomendable para a vanidade dos escritores. En Estados Unidos, cando o cine comeza a falar, a chamada “xeración perdida” estreita lazos con Hollywood, non só pola cesión de historias baseadas nas súas novelas, senón tamén pola participación activa na realización de guións.

 Falamos de autores como William Faulkner, Scott Fitzgerald ou Ernest Hemingway, aínda que ningún deles logrou acadar nos seus traballos cinematográficos o nivel artístico que os encaramou ao cumio da literatura. Paulatinamente, os escritores foron aceptando ao cinema como unha manifestación artística respetable —aínda que de vez en cando algunhas verbas seguían dando mostras de posturas tenaces, como as de Torrente Ballester que en certa ocasión afirmou que aos autores literarios cando ceden o argumento dalgunha das súas obras para unha vesión fílmica non se lles paga dereitos de autor, senón unha indemnización— incluso algúns de prestixio internacional no mundo das letras que quixeron ampliar o seu campo de expresión e complementaron á escritura coa dirección, como é, entre outros exemplos, o caso de Paul Auster, A vida interior de Martin Frost (2007) e Alessandro Baricco, Lezione 21 (2008).
Pero o cine buscou inspiración para ás súas historias alén das páxinas das obras literarias, nos retazos biográficos deses autores que, en ocasións, fixeron da súa forma de vida unha parte importante do seu bagaxe artístico. Luis Buñuel afirmou sobre Federico García Lorca, compañeiros ambos na Residencia de Estudiantes de Madrid, que á súa obra literaria completase na súa persoa, no modo de afrontar á existencia. Precisamente, as tráxicas circunstancias que cinguiron á súa vida converteron ao poeta granadino no icono da represión franquista e, por conseguinte, en pasto de relato fílmico, como deron conta Juan Antonio Bardem na miniserie televisiva Lorca, muerte de un poeta (1987) e Marcos Zurinaga en Muerte en Granada (1996), onde narran os días previos á súa captura e posterior asesinato.

As longametraxes sobre escritores serven tamén para profundar nos misterios da creación artística, como propuseron John Madden en Shakespeare in love (1998), sobre a importancia dunha musa feminina que excitase a percepción romántica da vida; Michael Radford en O carteiro e Pablo Neruda (1994), adaptación da novela de Antonio Skármeta que explora no poder seductor da poesía, ou Bennet Miller en Truman Capote (2005) e o proceso de escritura de A sangue frío, a súa novela máis relevante. Soen ser propostas que sen chegar a ser en sentido estricto biopics, buscan un achegamento ao autor mediante un exercicio metonímico, na procura dunha explicación global da vida e da obra a partires de retazos biográficos. Outros proxectos utilizan a figura do escritor para situar nun contexto temporal determinado un argumento principal con escasas referencias á labor literaria, como se pode concluir en Lope (2010) de Andrucha Waddington, Al sur de Granada (2002) de Fernando Colomo que narra un romance de Gerald Brenan en terras andaluzas, ou Miguel y William (2007) de Inés París.

No hay comentarios:

Publicar un comentario