viernes, 23 de noviembre de 2012

Faro da Cultura. Todo é silencio


Aínda que semelle ter acontecido onte, fai xa dezaseis anos que Manuel Rivas facía visible a súa figura literaria a nivel estatal grazas ao Premio Nacional de Narrativa polo seu libro de contos Que me queres amor?, tres dos cales foron adaptados e ganduxados nun mesmo fío narrativo para dar forma á versión cinematográfica dirixida por José Luis Cuerda. Máis dunha década despois, ambos creadores volven coincidir na procura da mesma aprobación popular acadada con A lingua das bolboretas, desta vez a partires da novela Todo é silencio, que narra o xurdimento do narcotráfico en Galicia durante os anos setenta e oitenta.
Porén, mentres no proxecto anterior o talento de Rafael Azcona na elaboración do guión permitiu a construción dunha estrutura narrativa compacta, a pesares de partir de tres relatos distintos, e a confección duns diálogos acertados e, sobre todo, cribles, neste último traballo, no que o propio Manuel Rivas é o autor do guión, vótase en falta un exercicio equilibrado de adaptación, é dicir, esa operación que consiste en describir con palabras as imaxes que logo darán lugar a planos, secuencias e, en última instancia, un film completo. Alén do concepto persoal que o autor deste artigo poida ter sobre a literatura de Rivas —en moi alta estima no que se refire aos contos e algo menos entusiasta cando estamos a falar das novelas— a súa incursión na escritura do guión baseado nunha obra propia non pode ser máis decepcionante, por unha razón básica: polo excesivo respecto que amosa á obra literaria orixinal, por outra parte comprensible ao tratarse dunha obra súa. Se os movementos de vangardas son, en termos metafóricos, parricidios que intentan crear novas formas de expresións sobras as cinzas das formas utilizados polos antepasados, as adaptacións cinematográficas levadas a cabo polos mesmos autores dos textos literarios deben ser filicidios. É dicir, abordar un texto literario para á súa transposición cinematográfica esixe un exercicio desacralización, reinterpretación e reelaboración; esta operación pasa, en moitas ocasións, por unha redución espacial e concentración temporal. Adaptar non consiste en converter unha cousa noutra semellante, adaptar consiste en construír unha obra nova.


Manuel Rivas semella agarrotado polo amor que sinte polo seu fillo, é dicir, a súa creación literaria, e opta por elaborar un guión demasiado pegado ao texto, cun exceso de literalidade que derivan nuns diálogos con ínfulas shakesperianas e cunha estrutura irregular e discontinua, establecida a partires de cadros moitos deles prescindibles e que configuran unha narración carente de ritmo. Cando os diálogos resultan demasiado artificiais como é o caso, os personaxes non conversan entre eles, senón que semellan falar directamente co público, igual que un recitado lírico enriba dunha tribuna, como ven a demostra a cantidade de ocasións nas que os personaxes clavan á vista ao infinito mentres pronuncian a súa frase lapidaria. Esta artificialidade dos diálogos dificulta a labor dos actores que, agás Celia Freijeiro, probablemente o factor máis gratificante da longametraxe, manifestan unha incomodidade que logo se plasma na pantalla e afecta á credibilidade das actuacións.
Se o guión nace tollido, pouco se pode facer coas imaxes para arranxalo, sobre todo cando estas, como é o caso de Todo é silencio,  xogan un papel meramente ilustrativo sen grandes pretensións semánticas alén da superficialidade da descrición textual. Pouco traballa tamén a ambientación cara a credibilidade da historia, sobre todo cando nunha das secuencias filmadas nun campo de fútbol de categoría rexional, os protagonistas pasean e conversan sobre un terreo de xogo de herba artificial, nun marco temporal situado nos principios dos anos oitenta.

2 comentarios:

  1. a lingua das bolboretas a partir de todo e silencio?, non creo, a película e anterior

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. "Máis dunha década despois, ambos creadores volven coincidir na procura da mesma aprobación popular acadada con A lingua das bolboretas, desta vez a partires da novela Todo é silencio,..."

      As comas son moi importantes para a comprensión dos textos. Moitas grazas por ler o artigo e polo teu comentario.

      Eliminar