Aquel
11 de setembro de fai unha década cambiaron moitas cousas. A pesares de non
seren a primeira vez que Estados Unidos era golpeada pola violencia terrorista,
nunca a sensación de debilidade e indefensión que amosou a primeira potencia
mundial foi tan manifesta. O impacto dos rañaceos derrubándose en medio dun
manto cinsento atizou de forma tan desapiadada a conciencia colectiva de todo
un país –ata o punto de deixar nun velado segundo plano o atentado perpetrado
contra o edificio do Pentágono, onde o balance de vítimas (184) foi, por
exemplo, lixeiramente inferior ao acontecido o 11 de marzo de 2004 en Madrid–
que terán que pasar moitos anos antes de que os cidadáns estadounidenses poidan
sacudirse o po do terror (non esquezamos que o terrorismo, como revela o seu
propio significante, basea a súa eficacia na semente do terror).
No
ámbito da industria cinematográfica, o atentado do 11 de setembro deparou dúas
vetas no cine hollywoodiense: a temática apocalíptica, e, como non, o terrorismo
alén do tratamento maniqueo que se formula como un problema global no que,
agora si, Estados Unidos tamén está afectado. Os achegamentos ao asunto son tan
variados como dispares os seus resultados finais. O relato do atentado contou,
por exemplo, coa aportación de Oliver Stone cun errado World Trade Center (2006) ou coa máis acertada crónica de Paul
Greengras, United 93 (2006) sobre un
dos vos asaltados pola trama terrorista. Greengras afástase do retrato
sensiblero facendo uso dunha obxectividade ríxida que apela ao intelecto,
similar ao empregado, aínda que no campo literario, por Truman Capote en A sangue frío (In cold blood, 1966). Pasaran poucos anos, a ferida seguía a estar
aberta e polo tanto o realizador había considerar que o estado emocional dos
cidadáns americanos aportaría por si so a dose suficiente de sensibilidade.
Fronte
as miradas máis asépticas, politicamente falando, xorden tamén outros proxectos
nos que tamén se pon en tela de xuízo a reacción do estado agredido para
contraatacar o terrorismo. Camiño a
Guantánamo (Road to Guantánamo,
2006) de Michael Winterbottom narra a modo de reportaxe ficcionalizado as
horrores do cárcere destinado a sospeitosos de terrorismo sen ningún tipo de amparo
legal. Carga política atopamos tamén en Munich
(2005) de Steven Spielberg, film que intenta abordar a raíz do problema
engadindo tamén un análise moral. Ata o núcleo do problema pretende chegar
tamén Syriana (2005) de Stephen
Gaghan, un implacable alegato fronte ao imperialismo entre bastidadores que
impoñen as cúpulas financieiras en complicidade cos sistemas de espionaxe
americanos.
En
Europa e Oriente Medio as feridas do terrorismo levan sangrando moitos máis
anos que en Estados Unidos. Mentres no vello continente asistimos con esperanza
a un paulatino, mutis dos últimos grupos violentos como son o IRA en Irlanda e
ETA en España, o conflito palestino-israelí non semella ter programado aínda
unha folla de ruta que poida por fin a tanto sufrimento. O mesmo ano que
Spielberg laceraba a sensibilidade da comunidade xudea coa denuncia do
terrorismo de estado en Munich, o
realizador palestino Hany Abu-Assad estrenou Paradise Now, sobre a historia de dous terroristas suicidas, que contou
coa participación na produción de varios países europeos, así como tamén de
Israel e Palestina. No caso do IRA, outro director comprometido, Ken Loach, retrocedía
aos orixes da organización, alá polos anos vinte do século pasado, cando un
grupo de campesiños irlandeses optou por armarse e combater ás tropas
británicas enviadas para aplacar as aspiracións independentistas. O relato
manifesta a deshumanización da raza humana cando convive día tras día coa
violencia, cun final “orwelliano” no que os oprimidos rebelados, unha vez
acadan o poder, acaban por comportarse igual que os seus opresores.
A
proliferación de títulos sobre o terrorismo nun espazo tan curto de tempo
confirma a intención de mirar cara a cara ao problema, rompendo así a tendencia
dominante ata agora, con esporádicos achegamentos para non espertar
susceptibilidades.

No hay comentarios:
Publicar un comentario