No proceso artístico que supón a transposición dun texto literario
a un relato fílmico, ademais dos referentes narrativos que compoñen a historia
que vai ser adaptada, interveñen certos valores da imaxe estritamente formais,
que se atopan en relación directa co contido da obra literaria, e que adxuntan
as virtudes da imaxe como complemento ao relato escrito. A luz que envolve unha
escena atópase entre os valores da imaxe máis eficaces á hora de plasmar o
ambiente que se procura transmitir, sobre todo grazas á súa calidade sensorial
que se achega ao espectador polos condutos máis alexados da racionalidade. A
luz non se razoa, simplemente percíbese.
No caso
dunha novela do estilo como The road (A estrada, Cormac McCarthy, 2007), na que
o relato de acontecementos está supeditado á descrición dun mundo apocalíptico,
a utilización da luz convértese nun parámetro esencial para o traballo de transposición
cinematográfica. O director de fotografía Javier Aguirresarobe aceptou o
ofrecemento do máximo responsable da adaptación, John Hillcoat, para poñer luz
á historia escrita por McCarthy.
The road
narra a historia dun pai e o seu fillo que intentan sobrevivir nun planeta
reducido a cinzas, aínda que descoñecemos as causas que levaron ao mundo ao
borde da súa desaparición. O máis
aterrador é atoparnos diante dunha realidade posible, de feito moitas
utilizáronse como localizacións para moitas secuencias os arredores de
Pittsburgh (Pensilvania), unha zona castigada pola crise da industria siderúrxica
dos anos setenta, e Nova Orleans tras o paso do Katrina. Ante este horizonte
apocalíptico, Aguirresarobe plasmou na pantalla o ton gris, plúmbeo e cinsento,
na procura dunha atmosfera de pesadume. Por momentos, os planos acadan un grado
supremo de realismo por analoxía cunhas imaxes que aínda purduran na nosa
retina. Falamos desas imaxes captadas o 11 de setembro de 2001, a pé das rúas próximas
ao World Trade Center, minutos despois de derrubarse as Torres Xemelgas: centos
de persoas camiñaban cubertos pola cinza como sombras errantes sen comprender o
que acababa de acontecer.
A visión
apocalíptica de Aguirresarobe pasa pola plasmación lumínica dun mundo gris, orballado
cunha luminosidade tenue e uniforme, sen sombras que fagan resaltar a
voluminosidade dos corpos, como se a luz do sol perderá parte da súa forza ou
os personaxes da longametraxe vivirán nun eterno ocaso. Por mor destas sutís
pinceladas ambientais, a fotografía acada unha dimensión significativa alén do
sentido visual, e semella activar no espectador algún dos sentidos relegados no
proceso de recepción fílmica, co cal, trasladados pola luz a un estado de submisión,
do mesmo modo que a vista nos devolve un panorama agrisado, o noso olfacto
percibe un cheiro a queimado; o tacto experimenta a certeza de que no momento
de apalpar algún elemento da natureza morta, esta vaise desafacer entre os
nosos dedos; como tamén o oído percibe, grazas ás notas musicais do compositor
Nick Cave e ás conversas mediante murmurios dos protagonistas, ese silencio que
nos transporta a un baleiro externo e interno.
Todo este
aderezo lumínico do director de fotografía resulta revalorizado polo tratamento
da planificación que prioriza as tomas largas ou medio-largas baixo unha coidada
composición, que permite poñer de manifesto primeiro a relación dos personaxes
co entorno devastado, e segundo o estatus que acada a paisaxe como un personaxe
máis da historia. A evidencia da apocalipse do planeta atopámola na desolación
física do espazo circundante, mentres que pola súa banda a degradación da raza
humana, obrigada a retornar ao seu orixe evolutivo, profunda no apocalipse
moral, encarnado no comportamento do protagonista adulto como xesto da
desesperanza que o embarga. A suma de ambas degradacións (paisaxístico e humano)
fúndese conceptualmente a través dese gris que inunda ambos estadios. Así, o
espazo convértese nun parámetro semiotizado da alma humana abocada á súa
extinción e que transite se rumbo definido entre o crepúsculo e a escuridade
das tebras.

No hay comentarios:
Publicar un comentario