martes, 14 de agosto de 2012

Faro da cultura. Torrente no diván


Vaia por diante, que no presente artigo non pretendo realizar unha crítica cinematográfica sobre a exitosa saga de “Torrente”, principalmente, porque non creo poder ofrecer ningunha afirmación novidosa que non fora vertida, de forma case unánime, polos críticos das principais publicacións especializadas. Máis ben, o que pretendo é someter ao personaxe de Torrente a un análise textual que, partindo sa súa fisionomía fílmica, poña de manifesto os mecanismos da súa construción co obxectivo de obter unha hipótese que intente proxectar luz sobre as razóns do éxito das catro fitas realizadas ata hoxe por Santiago Segura.

Onde reside o magnetismo dun personaxe configurado a partires dos trazos máis zafios da sociedade española? No (psico)análise que Sigmund Freud realizou no seu día de “Hamlet” de William Shakespeare, o profesor interpretaba á figura de Claudio, tío do príncipe danés e usurpador da coroa, como unha personificación do inconsciente humano, que, có asasinato do sei pai e o matrimonio coa súa nai, escenificaba o complexo de Edipo; de tal xeito que as dúbidas que perambulaban as reflexións de Hamlet, podían ter a súa orixe na pegada do seu inconsciente. Salvando a distancia, unha máis que considerable distancia, e partindo da ousadía coa que pretendo asinar este artigo, a etiqueta semántica que conforma a personalidade de Torrente supón un collage das fobias e filias máis primarias que habitan agochados no inconsciente colectivo de toda unha sociedade que, aínda hoxe, supura as feridas ideolóxicas de corenta anos de franquismo (machismo, homofobia, racismo, individualismo), en mistura có concepto atávico de picaresca hispana. Ata aquí, a formulación do seu creador non debería implicar ningunha réplica pola miña parte se, na senda de incontables artistas que puxeron de manifesto as miserias da nosa sociedade, este utilizara o personaxe fílmico para distanciarse de el e rexeitar, por medio dese distanciamento, a súa forma de comportarse. Existe esa mirada distanciada no caso de Torrente? Formulándoo de xeito máis simple, cando o personaxe desperta a gargallada do espectador, este, estase a rir de el, ou estase a rir con el? A segunda opción abre unha perspectiva avergoñante, se temos en conta que réndenos con el, estamos a compartir o seu punto de vista.

Cando, por exemplo, o dúo Berlanga-Azcona radiografiaba a sociedade franquista a través de individuos pertencentes á clase media-baixa, á postura que adopta a narración parte da utilización dun narrador que, herdeira da literatura esperpéntica de Valle-Inclán, impón, por medio de recursos fílmicos intelixentemente trazados, unha distancia respecto dos personaxes que outorga ao espectador unha mirada compracente, pero sen perder nunca a ollada crítica do que está a ver. No seu día, Valle-Inclán, nunhas declaracións a Gregorio Martínez Sierra, sinalou que existen tres modos de mirar aos personaxes dunha obra de ficción: desde abaixo, ante os heroes clásicos; á nosa altura, mirada que corresponde aos personaxes de Shakespeare; levantado no aire, que converte aos personaxes en monecos. A mirada que Berlanga proxectaba sobre os seus personaxes podería identificarse coa ollada elevada, de tal xeito que o espectador percibe unha imaxe do personaxe ridiculizada. O plano elevado de El verdugo que identifica a reo e executor sería o mellor exemplo desta teoría. Atendendo á esta tese das tres instancias narrativas, Santiago Segura sitúase na posición intermedia, á mesma altura, evitando así o distanciamento á vez que profunda na identificación cun personaxe fascistoide que, mediante vínculos establecidos coas nocións do incosciente, conquista unha dose de afecto maior da tolerable desde un punto de vista ético e cívico.
                Na gala dos Premios Goya que gratificou a Santiago Segura como mellor dirección novel, no breve discurso que pronunciou no escenario ao recoller o premio,  o director expresou a súa ilusión de que os nenos aprenderan a non ser como Torrente, sabedor, quizais, de que os seus filmes, inmersos dunha calculada ambigüidade, rexeitan esa condena rotunda do personaxe en pos dun achegamento masivo, como así está a ser, de millóns de espectadores ás salas cinematográficas onde se exhibe o seu filme.

No hay comentarios:

Publicar un comentario