En certa
ocasión, Akira Kurosawa intentou definir o cine a través dun conto escrito polo
neto do novelista xaponés Shiga Noya. Titulábase “O meu Can” e comezaba dicindo
así: “O meu can semella un oso, tamén semella un teixugo, tamén semella un
lobo…”. Continuaba enumerando as características especiais do seu can, sempre
en términos comparativos con outros animais, ata que conclúe afirmando que ao
que máis se asemella é a un can. Do mesmo xeito, aseguraba Kurosawa, o cine
tamén se asemella a outras moitas artes, á pintura, á literatura, ao teatro, á
música, etc., pero en conclusión, o cine é cine.
A partir desta visión
interdisciplinaria do sétimo arte proposta polo cineasta xaponés máis
“occidentalizado”, podemos axustar o foco na procura dun humilde achegamento á
súa obra. A súa formación intelectual e
estética parte, nun principio, da literatura rusa, concretamente do realismo de
Maximo Gorki, do teatro de Shakespeare e do teatro de Pirandello. En canto á
influencia cinematográfica, destaca o neorrealismo italiano e o western, sen
esquecer a admiración pública que profesaba a figuras como John Ford e Jean
Renoir. Porén, en segunda instancia, despois do filme que lle deu fama
universal, Rashomon (1950), comeza a
profundar na súas raíces máis tradicionais, na pintura do século XVI, e no
teatro “No” e, en xeral, na tradición distanciadora da posta en forma das
representacións xaponesas. Curiosamente, este efecto distanciador foi vinculado
polos críticos do Festival de Venecia de 1951 coas técnicas da posta en escena
teatral elaboradas por Bertolt Brecht, sen ter en conta que, tanto Brecht como
Eisenstein, como Kurosawa, pero este desde as súas propias raíces, nutríronse
das sutís e variadas técnicas distanciadoras do teatro xaponés de marionetas
denominado “Bunraku”. Polo tanto, máis que dun realizador “occidentalizado” deberiamos
falar dunha imbricación de Oriente e Occidente, dun mestizaxe cultural, e a
vitalidade do seu cine procede deste proceso intercultural.
Este ano
cúmprese un século do seu nacemento no seo dunha familia acomodada. A súa nai
era filla de comerciantes tradicionais e o seu pai, pertencente a unha familia
de antigos samurais, primeiro foi militar e logo profesor de artes marciais. O
seu irmán maior traballou no cine como “Benshi” ou narrador, e introduzo ao mozo
Kurosawa no mundo da pintura e da literatura. Con Rashomon, Premio do Festival de Venecia de 1951 e Oscar de
Hollywood á mellor película estranxeira, foi a primeira vez que Europa e
Estados Unidos centraban a atención amplamente o cine xaponés. Neste filme,
seis puntos de vista de seis personaxes dividen o discurso en seis partes que
provocan unha visión poliédrica do tema, e posibilita que o espectador se
identifique coa figura ausente do xuíz e interprete por si mesmo os
acontecementos da historia. Resulta lóxico relacionar esta película coa obra de
Luigi Pirandello Así é, se vos parece (Cosí
è se vi pare, 1918). O propio Kurosawa conta que un día antes de iniciar o
rodaxe, os tres axudantes de dirección foron ao hotel onde se hospedaba para
falar con el, e contáronlle que non entendían o guión. El recomendoulles lelo
detidamente, pero eles aseguraron telo feito e insistían nunha explicación.
Kurosawa explicoulles que trata a historia do ser humano que non pode sobrevivir
sen mentir, porque necesita crerse mellor do que é, e se non entendían o guión
era porque é imposible ter un coñecemento completo da psicoloxía e do corazón
humanos. Nesta declaración pode estar o segredo da universalidade da súa obra,
a razón pola que as súas longametraxes foron capaces de traspasar as fronteiras
do seu país e gañar o interese de espectadores de todo o mundo. Profundar na
alma do ser humano fainos ver que todos somos moi semellantes, e que
compartimos miserias e calidades extraordinarias. De aí que no seu momento,
Kurosawa afirmara que para facer boas películas, primeiro débense ler meticulosamente
as grandes novelas e obras de teatro do mundo para poder captar a razón da súa
grandeza, e cales son as particularidades que converten unha obra en obxecto de
admiración universal.

No hay comentarios:
Publicar un comentario