Desde hai uns
anos ata os nosos días, o cinema español ven profundando no xénero do terror,
un xénero que, historicamente, a pesar dos achegamentos puntuais protagonizados
por determinados cineastas, nunca acadou un peso específico na filmografía
hispana. A repercusión crítica e recadatoria que obtivo no ano 2001 a fita de
Alejandro Amenábar “Los otros”, supón o faro máis visible dunha corrente que xa
levaba varios anos de xestación, sobre todo na cidade de Barcelona, onde
realizadores como Paco Plaza (El segundo
nombre, 2002) ou Jaume Balagueró (Los
sin nombre, 1999; Darkness, 2002)
xa exportaran a visión nacional do xénero alén das nosas fronteiras. Na última
década, o impulso proporcionado polos éxitos económicos de moitos destes
títulos facilitou a aparición de obras que seguen a recoller apetitosos
beneficios nas salas de exhibición: El
orfanato (Juan Antonio Bayona, 2007), Los
ojos de Julia (Guillem Morales, 2010), ou as dúas partes de REC dirixidas
polos citados Plaza e Balagueró.
Porén, o
movemento pioneiro en España deste xénero non autóctono tivo lugar nos anos
sesenta, en parte como resposta a unha esmagadora crise da industria
cinematográfica. Nesta década, os filmes máis notables deste xénero apostan
pola acumulación de referencias e a exacerbación da súa conciencia paródica.
Nesta corrente atopamos figuras emblemáticas desta categoría en serie B como
Jesús Franco, que inaugura o xénero con Gritos
en la noche (1961), film que recolle notables analoxías coa posta en forma
do cineasta francés Georges Franju. Outro dos nomes propios enmarcados neste
xénero é o do televisivo Narciso Ibáñez Serrador, quen firma unha das grandes
obras mestras do cine de terror con ¿Quién
puede matar a un niño? (1976), e que logo buscaría na TV emular ao seu
idolatrado Alfred Hitchcock con Historias
para no dormir. Tamén sobresae a inxente obra de Jacinto Molina (Paul
Naschy) para quen o terror hispánico ten todos os ingredientes do tremendismo
do insólito, que apunta a unha forma de estilización baseado na convocatoria
dos estilemas históricos do xénero e a súa mistura con pautas propias.
Anos despois,
os títulos que mellor exemplifiquen esa mistura dos canons clásicos do terror
con propostas autóctonas serán Angustia de
Bigas Luna (1986) e sobre El día de la
bestia de Álex de la Iglesia (1995), onde se pode constatar a combinación
de satanismo e tremendismo hispánico. Por outra banda, as últimas propostas das
que falabamos no inicio deste artigo rexeitan esas pautas propias e apostan decididamente
por utilizar os canons impostos pola narrativa hexemónica importada de
Hollywood. Certo que Los otros de
Alejandro Amenábar afástase do cine de terror comercial espremido ao máximo na
industria americana, porén achégase á posta en forma hitchcockiana ou, sobre
todo, ao filme de Jack Clayton Suspense (1961),
baseado na obra literaria de Henry James Outra
volta de torca. Na proposta de Amenábar non se insinúa ningunha intención
de rescatar algún trazo da estilización hispánica do terror. Como tampouco o
atopamos en El Orfanato de Juan
Antonio Bayona, que segue, do mesmo xeito que no caso anterior, os pasos da
estética gótica que cede ao espazo un protagonismo substancial. Baixo este
prisma, as longametraxes de Paco Plaza e Jaume Balagueró REC e a súa secuela REC 2,
polo seu ambiente urbano e a representación satánica dos seres infectados polo
virus letal aproxímase máis á vertente que caracterizou aos filmes dos anos
sesenta, amen de que a idea do falso documental proveña de The Blair witch Project (Eduardo Sánchez y Daniel Myrick, 1999),
historia sobre un grupo de excursionistas que gravaban cunha cámara de vídeo o
seu propio exterminio por parte dunha forza descoñecida e sobrenatural.
Dado que a
resposta do público a este xénero emerxente na nosa cinematografía segue a ser moi
xenerosa, todo apunta a que, tanto a curto como a medio prazo, as produtoras
sigan apostando por este tipo de longametraxes. Falta por descubrir se
guionistas e directores plasmarán a faciana do terror baixo unha estética autóctona,
ou por contra, importarán o medo doutros cantos do mundo.

No hay comentarios:
Publicar un comentario