martes, 16 de octubre de 2012

Álvaro Cunqueiro no cine


O legado que, durante o século vinte, a creatividade dos escritores galegos cedeu á cinematografía española, a día de hoxe, aínda está lonxe de ser recoñecida en toda a súa totalidade. Desde Wenceslao Fernández Flórez ata Manuel Rivas, pasando por Ramón María del Valle-Inclán, Camilo José Cela, Blanco Amor ou Gonzalo Torrente Ballester entre outros, a pegada do pensamento galaico no cinema hispano non se limitou a abastecer de argumentos as producións cinematográficas, senón que imprimiu, en moitos casos, certos modos narrativos e representacionais que deron forma a parte das mellores obras fílmicas rodadas en territorio español.

                Aínda que cuantitativamente o préstamo argumental de Álvaro Cunqueiro non rexistre o bagaxe doutros escritores da nosa terra —Fernández Flórez, por exemplo, segue a ser o autor máis adaptado na historia do cine español— a súa contribución á cultura audiovisual conta con varias mostras que merecen unha plausible mención, por moito que as devanditas aportacións permanezan nos marxes da historia do cine nacional, máis ben porque tales produtos foron encamiñados á exhibición televisiva.
Por poñer algún exemplo, a riqueza metafórica e imaxinativa do escritor nado en Mondoñedo non pasou inadvertida para Claudio Guerin Hill, un dos realizadores máis prometedores do cine español da segunda metade dos anos sesenta e principios dos setenta, que viu traxicamente interrompida a súa carreira profesional no ano 1973, cando contaba tan só 34 anos, mentres rodaba a longametraxe La campana del infierno; nun descoido durante a preparación dunha secuencia, precipitouse desde o alto dun campanario morrendo practicamente no acto. No inicio da súa traxectoria cinematográfica, Guerín Hill rodou un documental de trinta minutos con guión de Álvaro Cunqueiro baixo o título de Galicia (1966), onde o espectador asiste a un percorrido histórico polo noso país dividido en tres etapas: histórica, medieval e romántica.
Ese mesmo ano, a pluma de Cunqueiro volvía a estar ao servizo do formato audiovisual, esta vez para escribir o guión de Xantares, capítulo pertencente á serie de TVE Conozca usted España. O texto contaba coa presenza de persoeiros ilustres. Neste caso, a dirección corría a cargo doutra crecente promesa do cine como era Pedro Olea —curiosamente, unha das películas máis emblemáticas deste director foi El bosque del lobo (1969), a partires dun argumento escrito por outro guionista galego: Juan Antonio Porto—, mentres que Edgar Neville facía as honras de presentar un documental que se convertería nunha viaxe gastronómica por Galicia.
Xa no ano 1989, e ao abeiro da Produtora Galaxia e da Televisión de Galicia, rodouse a serie Os outros feirantes, creada por Xosé Cermeño, autor tamén doutra serie de éxito na televisión autonómica como é Pratos combinados. Foron varios capítulos baseados na obra homónima de Cunqueiro: Pelexo de dragón, O verdugo, Roque de Goas, Antón de Leiras e Padín de Carracedo. Nestes relatos o autor narra a historia de personaxes galegos a quen lles acontecen historias marabillosas, encarnados por actores relevantes a nivel estatal como Alfredo Landa, Gabieno Diego, Rossy de Palma, Andrés Pajares ou Santiago Ramos, que contan, ademais, coa compaña dun importante elenco de intérpretes galegos. As pezas televisivas, rodadas  en galego, representan cun sentido do humor moi galaico diversas situacións enmarcadas nun mundo rural máxico, seguindo a estela da célebre obra de Wenceslao Fernández Flórez O bosque animado, sobre todo daquelas estancias que narran as historias dos seres humanos que habitaban na fraga de Cecebre. De feito, o personaxe que interpreta Alfredo Landa no episodio de O verdugo garda moitas semellanzas de caracterización co personaxe de Fendetestas que encarnou para o filme de José Luis Cuerda rodado dous anos antes. Sexa como fora, Álvaro Cunqueiro pretendeu transmitir a súa desbordante imaxinación aos personaxes das súas historias que viven con naturalidade os seus extravagantes proxectos de vida, buscando no mundo imaxinario un refuxio que lles dea calor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario