Unha vez máis, o sétimo arte
volve reincidir na relectura do seu pasado iconográfico cunha nova versión
dunha das personaxes máis emblemáticas do cine de terror: o home lobo. Nesta
ocasión, é Benicio Del Toro quen metamorfosea
no terrible monstro baixo a posta en escena de Joe Johnston. Nas verbas do
director, a nova longametraxe que nestas datas atópase na carteleira supón unha
dialéctica coa versión asinada por George Wagner no ano 1941 para o estudio
Universal, aderezada cun revestimento visual obviamente máis actualizado.
A
Universal foi o estudio responsable nos anos trinta da produción dunha serie de
filmes especializados no xénero de terror. Desde a aparición no ano 1930 do
“Drácula” de Tod Browning, a Universal lanzouse de seguido a reindibilizar o
tirón que estes monstros despertaban entre os espectadores. Deste xeito cobran
vida, entre outros, seres como “Frankenstein” (James Whale, 1932), “A momia”
(Karl Freund, 1932) e “Dr. Jekyll & Mr. Hyde” (Rouben Mamoulian, 1932),
este último para a Paramount.
“Werewolf
of London” (Stuart Walker, 1935), con Henry Hull, foi a primeira fita adicada á
figura do lobishome, aínda que o seu bautismo fílmico remóntase á época do cine
silente con “The werwolf” (Henry Mackane, 1913); pero foi a obra citada de
George Wagner quen catapultou a imaxe do home lobo, encarnado por Lon Chaney
Jr. As películas de terror da Universal son herdeiras das escenografías de
pesadelo do expresionismo alemán, e codifican postas en forma que establecerán
un esquema que, posteriormente, constituirán un esquema que será utilizado en
futuras producións en todos os países.
No
caso do lobishome, non existe unha obra literaria que sirva de referencia como
acontece nos casos de Drácula (Bram
Stoker) ou Frankenstein (Mary
Shelley), porén atopamos certas alusións á licantropía en escritos como
“Satyricón” de Petronio (séc. I), “Hughes, o home lobo” de Colin Sutherland
Henzies (1838), “O xefe lobo” de Alejandro Dumas (1857), ou “A marca da besta”
de Rudyard Kipling (1932). A referencia mitolóxica reside no relato de Licaón,
rei de Arcadia, que foi transformado en lobo por Zeus como castigo por
convídalo a un banquete no que foi servido asado o cadáver dun neno.
Despois
da época dourada do cine de terror promovido pola Universal, os achegamentos do
cine a esta figura depararon longametraxes de fortuna dispar. “A maldición do
home lobo” (Terence Fisher, 1960), “Un home lobo americano en París” (John
Landis, 1981) ou “Lobo” (Mike Nichols, 1994) semellan ser unha resumida mostra
dos exemplos máis dignos producidos ao redor deste temática.
Máis
preto de nós atopamos a omnipresencia de Jacinto Molina, máis coñecido como Paul
Naschy, que comezou como actor e acabou por situarse tras a cámara para dirixir
as súas versións do lobishome. Pero, sen lugar a dúbidas, a figura máis
emblemática deste fenómeno en Galiza é a de Manuel Blanco Romasanta, o único
home lobo procesado xudicialmente en España a mediados do século XIX, e condenado
a cadea perpetua nunha prisión de Allariz. O escritor Alfredo Conde novelou o
caso de Manuel Blanco en “Romasanta. Memorias incertas do home lobo”, unha obra
adaptada á gran pantalla polo realizador Paco Plaza, con guión de Elena Serra e
Alberto Marini. Se cabe, moito máis lírica é a referencia que Manuel Rivas foi
do lobishome nun dos contos de “Que me queres, amor?”, concretamente en “Un
saxo na néboa”, un dos tres relatos elixidos por José Luis Cuerda para dar
forma, a través da pluma de Rafael Azcona, ao guión de “A lingua das bolboretas”.
Mentres que no relato fílmico a imaxe do lobishome queda diseminada por mor dun
afán realista, o conto de Manuel Rivas desvela a terrorífica identidade do
alcalde do pobo onde vai tocar a Orquestra Azul, un home casado cunha moza
chinesa que quedou muda por culpa dunha mordedura de lobo. Namorado dela, o
protagonista imaxina unha fuxida coa chinesa “mentres Boal ouveaba na noite,
cando a néboa despexaba, de xeonllos no campo da feira e co chal de la nos
pezuños”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario